Pola lagoa, sita na parroquia de Setados, pasa o Camiño dos Pescadores. Ubicada na desembocadura do río Termes no Miño provoca un ecosistema de gran valor ecolóxico, incluído dentro da Rede Natura 2000, no que habita unha especie de tartarugas pouco común, polo que tamén é coñecida como a “Lagoa dos Sapoconchos”.

Ademais a lenda di que en Setados non había campás e que as foron roubar a Portugal na noite de San Xoán. Cando volvían os bois asustáronse ao pasar o tren, e as campás caeron ao fondo da lagoa para non aparecer xamais. Dise que cada 24 de xuño, as campás soan, delatando a quen as roubou.