Castro situado nun lugar privilexiado e visible dende calquera punto do Val do Tea. Incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia co código GA36034001 e recoñecido tamén como Ben de Interese Cultural (BIC). Componse dunha acrópolis rodeada por diversas terrazas, distinguíndose ata 3 diferentes.

A primeira escavación en Taboexa documentada data do ano 1929, realizada por Cayetano de Mergelina y Luna. Os materiais atopados foron depositados no antigo Museo da Sociedade Arqueolóxica, xerme do actual Museo de Pontevedra.

A segunda escavación, no ano 1973, dirixida por García Alén, non deixou ningún material depositado no Museo de Pontevedra.

Novamente na terceira escavación realizada por Paloma Acuña e García Alén deixou unha serie de materiais no museo.

Segundo a Carta Arqueóloxica da Provincia de Pontevedra, do ano 1953, os materiais existentes no museo eran, entre outros:

– Unha anforiña

– Unha figura de vaca

– Unha cabeza de porco

– Unha árula

– Dúas lucernas

– Unha cabeza de can

– Un crisol

– Moedas

– Pezas líticas

– Un pe e un brazo dunha estatuíña de bronce

– Un Mercurio de bronce

– Anacos dunha cadea de ferro

– Unha fíbula tipo omega e outra ballesta

– Anacos de cerámica

Ademais de algunhas doazóns de particulares ao museo. É importante tamén facer mención á existencia dalgúns restos en mans de particulares.

Atopamos tamén un Petróglifo, incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia co código GA36034090. No cumio do castro atópase unha pedra cun petróglifo de 2,80 metros de longo e 1,70 metros de ancho na que se observan coviñas e un círculo.

Existe constancia doutros petróglifos, aos que no seu momento non se puido acceder pola vexetación existente.