Festa na que se ensalza o afamado viño tinto, producido principalmente na parroquia de Rubiós, considerado como un dos mellores dentro de toda a Denominación de Orixe Rías Baixas.

A data de celebración está fixada para a segunda fin de semana do mes de xullo. No ano 2016 contou con viños tintos de todas as subzonas da D.O. o que fai que esta celebración sexa única xa que ofrece a posibilidade de atopar moitos dos viños tintos existentes reunidos nun único espazo, algo que só ocorre nesta localidade e especialmente nesta festa.

Son varios os elementos innovadores que se presentaron no 2016, como as Food Truck, tamén chamadas gastronetas ou camións restaurante, que chegaron ao noso municipio supoñendo un atractivo complemento á oferta tradicional de hostalería.

Celebrouse tamén a primeira edición da Ruta Pincho Rías Baixas, do 1 ao 8 de xullo, nos diferentes establecementos locais, nos que se puido disfrutar dun viño tinto con D.O. acompañado dun pincho a un prezo pechado, os clientes participantes entraron ademais nun sorteo dun premio.

No túnel do viño, tamén comezou a celebrarse nesta edición, supoñendo outro engadido para os amantes do viño. Así mesmo realizouse unha cata maridaxe popular, para os menos profesionais pero apaixoados por este mundo. Igualmente a realización dunha cata profesional a cargo de Pedro Ballesteros, foi outro dos grandes atractivos da festa, posto que é unha das personalidades máis recoñecidas dentro do mundo do viño incluso a nivel mundial, sendo Enxeñeiro Agrónomo e Master en Viticultura e Enoloxía, Funcionario da Unión Europea e o único Mater of Wine español.

Múltiples actividades se dan cita ao logo de toda a semana, como representacións teatrais, diversas actuacións de grupos musicais, actuacións da banda de música, o pregón, actividades infantís, etc.