O Concello das Neves vertébrase ó redor deste cumio. Nas súas ladeiras conflúen catro parroquias: San Pedro de Batalláns, Rubiós, San Xosé de Ribarteme e Taboexa. Dende o alto, daremos cun mirador onde contemplar as fantásticas vistas, admirando a contorna composta por enormes espazos naturais, visualizando os concellos máis próximos e Portugal. Este lugar é especial e perfecto para a organización de rutas, de sendeirismo ou en bicicleta, ou mesmo para a práctica de parapente.

Ademais, pódese aproveitar para visitar a Área Recreativa do Pousadouro, unha área de recente construción que constitúe un espazo perfecto para descansar, por exemplo para aqueles que realizan o Camiño dos Frades, sita nun entorno natural e rural. A vexetación que se pode atopar está composta por castiñeiros, con sotobosque de varias especies.

No cumio deste monte, celébrase cada 7 de agosto unha romaría, e dende algunhas das parroquias limítrofes organízanse andainas ata a mesma, incluso existen grupos de persoas que se desprazan ata a zona o día previo ao festexo. A festa prolóngase dende primeira hora da mañá durante todo o día.

Os actos acompáñanse de música tradicional, postos de comida e bebida, etc.

 

Conta a lenda que o Sandomedio era o maior de sete irmáns, ós que lles correspondía un monte da contorna para cada un. O Sandomedio era o maior e, ó mesmo tempo, a figura central de todos eles, xa que dende a súa montaña podía velos a todos.

Tamén se di que esconde un “brazo de mar”, a máis de atribuírlle a posibilidade de ser o mítico medulio.