Celebrada cada 29 de xullo na parroquia de San Xosé de Ribarteme, sendo este día festivo local.

Este día celébranse sucesivas misas en honra á virxe, dende primeira hora da mañá, mais a cerimonia que acada máis repercusión é a que ten lugar ás 12:00 horas. Tras esta misa de mediodía, sae a procesión. Cando algunha persoa padeceu ou padece unha grave enfermidade ou pasou ela mesma ou algún familiar ou achegado por unha situación na que a súa vida correu perigo, os devotos déixanse levar pola súa fe e encoméndanse á Santa para que os salve. A rareza das promesas reside en que para realizalas, as persoas introdúcense en cadaleitos, vivas, e percorren dese modo o trazado da procesión.

No caso dos máis cativos, hoxe en día, os cadaleitos van sempre baleiros, aínda que antigamente isto non era así. A procesión é seguida por outros penitentes que, no caso de non querer ser transportados nos cadaleitos, cobren as súas roupas cunha gasa branca e camiñan, nalgúns casos descalzos, noutros de xeonllos, portando unha vela trala imaxe da Santa que tamén acompaña aos féretros na comitiva. Esta parte dos devotos representan xa unha figura máis tradicional e habitual nas romarías galegas.

Os chamados romeros acompañan tamén a procesión cantando “Virxe Santa Marta, Estrela do Norte, traémosche os que viron a morte”. Esta peculiar celebración é coñecida mundialmente polo estraño modo que teñen os devotos de realizar as súas promesas.

Foi mesmo nomeada como a segunda festa máis rara do mundo polo periódico The Guardian no ano 2008, feito que confirma a transcendencia desta celebración a nivel internacional. Santa Marta leva a man dereita alzada en sinal de protección a aqueles que conseguirían escapar da morte, feito que os fieis compensan aportando diversas ofrendas económicas.

Ademais na procesión acompañan a Santa Marta tamén San Benito e Virxe do Carme.