A Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións públicas destinadas á realización de actividades culturais que organicen as entidades culturais sen fins de lucro da provincia co fin de contribuír á promoción, protección e difusión do patrimonio cultural, así como á dinamización cultural da provincia.
O obxectivo estas subvencións é a de impulsar a creación e difusión da oferta cultural, apoiar a consolidación do sector cultural e aumentar a conexión e a comunicación cultural no ámbito urbano e no rural para tratar de contribuír ao desenvolvemento cultural das zonas menos poboadas.
Esta convocatoria trata de apoiar as accións tendentes a mellorar a calidade das distintas manifestacións culturais, en especial as actividades dirixidas á reivindicación e á difusión do patrimonio material e inmaterial.
Quen pode solicitalas?
Poderán solicitar estas subvencións as entidades xurídicas que reúnan os seguintes requisitos:
• Carecer de fins de lucro
• Ter o domicilio fiscal na provincia de Pontevedra
• Desenvolver as súas actividades no ámbito territorial da provincia de Pontevedra ou, excepcionalmente, fóra deste cando versen sobre temas de interese para a provincia
• Non estar incursas en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para percibir subvencións públicas
• Non estar incursas en ningunha das prohibicións para percibir subvencións recollidas na lei
• Estar ao corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal Tributaria, coa Facenda autonómica, coa Seguridade Social e coa Deputación de Pontevedra
Non poderán beneficiarse destas subvencións as ANPA nin as asociacións que teñan pendentes de xustificar subvencións para actividades culturais concedidas no exercicio anterior.
Só se poderá conceder unha subvención por entidade no ámbito desta convocatoria.
Actividades subvencionables
Poderán ser obxecto de financiamento:
• As actividades para a posta en valor do patrimonio inmaterial propio das vilas e comarcas da nosa provincia (costumes, tradicións, etnografía, crenzas e mitos)
• Os festivais, as mostras, os encontros e os certames culturais
• Os certames e as actividades de posta en valor da pintura, da escultura, da arquitectura e da banda deseñada
• Os intercambios culturais para potenciar o patrimonio musical fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.
As solicitudes teñen que presentarse por vía telemática e o prazo para presentalas remata o 31 de marzo. Podes consultar toda a información premendo aquí.