Óscar González, concelleiro de Servizos Públicos e segundo tenente de alcalde, asistiu a unha xuntanza coa secretaria de Estado de Telecomunicacións, María González Veracruz, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a presidenta da Deputación de Pontevedra, alcaldes, alcaldesas e outros cargos municipais para coñecer os plans do Goberno do Estado para a extensión de fibra óptica no territorio.
Esta acción forma parte do Programa UNICO-Banda Ancha, do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que permitirá que nas dúas primeiras convocatorias (2021 e 2022) se conecten a Internet de alta velocidade 40.289 fogares e empresas de toda a provincia.
No caso da nosa provincia e, por tanto das Neves, os fogares e empresas beneficiados atópanse nas chamadas ‘zonas brancas’, aquelas que non dispoñen de cobertura de redes de velocidade de polo menos 30 Mbps, nin plans para a súa dotación nos próximos tres anos.
A conectividade é un elemento básico para garantir a supervivencia dos pequenos concellos; é unha arma contra o despoboamento. Porén, é necesario garantir o 100% de cobertura de acceso a internet de alta velocidade, favorecendo a conectividade a máis de 300 Mbps naquelas zonas que hoxe non dispoñen deste tipo de cobertura, esencial no mundo actual.