Concello das Neves

Todo listo en Vide para iniciar ‘Mulleres Extramuros’ o vindeiro sábado 4 de marzo

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

A 2ª edición de “Mulleres Extramuros” que comezou en 2022 en Cortegada, no concello de Silleda, chegará o vindeiro sábado, día 4 de marzo a Vide, para encher esta parroquia das Neves de proxectos artísticos deseñados por e con mulleres o núcleo de Vide.

A través desta iniciativa colaborativa, presentada o pasado día 13 pola presidenta da Deputación  o alcalde e a coordinadora do proxecto, Xoana Almar, 7 mulleres artistas de recoñecida traxectoria profesional convivirán con mulleres e veciñanza de Vide para crear e promover proxectos artísticos contemporáneos que transformarán “por completo” o núcleo rural.

Proxecto único en Galicia

Trátase dun proxecto único en Galicia no que a veciñanza e as artistas viven e traballan xuntas e xuntos para transformar o rural, situar a cultura no centro e construír lugares con maior capacidade de atracción. Na presentación desta iniciativa,  o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, afirmou que acoller “Mulleres Extramuros” en Vide  é «un estímulo para seguir traballando en identificar o noso territorio coas artes, para que sexamos capaces de conseguir que o mundo rural acabe dentro da arte contemporánea e que a arte contemporánea poida inserirse na estrutura social rural”.

Nesta mesma liña se pronunciou a concelleira de Cultura das Neves, Rocío Barreiro, “queremos ver o territorio con outra mirada, unha mirada transformadora que se consigue sempre coa arte e a cultura en xeral”.

Dende o sábado 4 de marzo

«Mulleres Extramuros” comezará o vindeiro sábado 4 de marzo coa presenza de Carmela Silva, na que será a primeira toma de contacto na que as artistas vivirán en primeira persoa a vida na aldea, intercambiando experiencias e historias coa veciñanza.

Entre abril e maio as artistas traballarán nas súas ideas para o núcleo rural, ideando, cada unha, un proxecto específico de intervención artística en función das historias e experiencias achegadas na etapa anterior. Xa na primeira quincena de xullo terá lugar o proceso de creación –residencia, co traslado das artistas a Vide para realizar o proxecto in situ. Durante este período as artistas materializarán e desenvolverán as súas creacións artísticas ideadas única e exclusivamente para Vide e inspiradas nela. E ese mesmo mes de xullo, poderemos ver o resultado da actuación conxunta realizada entre artistas e veciñanza da aldea, en cada un dos sete proxectos de intervención artística no ámbito rural.

As artistas protagonistas

Participan este ano en Vide sete artistas de grande traxectoria estatal e internacional: cinco nadas ou residentes en Galicia, unha en Madrid e outra en Portugal. Baixo a coordinación de Xoana Almar, ilustradora e muralista integrante da cooperativa artística “Cestola na Cachola”, forman parte do proxecto Doa Oa, ilustradora e muralista vencellada ao ámbito rural, indiscutible nos festivais e proxectos de muralismo que conta con intervencións en numerosos países europeos; “Nuvi & Éxfico”, dúo especializado en proxectos de ilustración e muralismo; Ana Soler, artista multidisciplinar especializada en instalación; Carme Nogueira e Javier Fernández Pérez de Lis, dúo con experiencia en proxectos de instalación en relación ao uso social dos espazos e á memoria do lugar; Lucía Loren, experta en escultura e instalación, así como en Land Art, con numerosos proxectos relacionados coa ecoloxía e a sostibilidade; e  Iva Viana, escultora ceramista experta en instalacións que parte da tradición portuguesa da cerámica para levala á contemporaneidade.

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email