O Goberno local levará este martes ao Pleno do Concello (20:00h.) a proposta de cambio de nome do Centro Cultural das Neves, de xeito que pase a chamarse ‘José Gil’.
O pai do cine en Galicia
José Gil (Rubiós, As Neves, 1870-Vigo, 1937) está considerado como pai do audiovisual galego. Foi o primeiro produtor do noso país -chegando a ter, dende 1910, varias fimas cinematográficas en Vigo; o primeiro realizador ; o primeiro documentalista, con máis de 150 filmes rodados, dos que desgraciadamente só se conservan 7 ; o precursor da publicidade cinematográfica; un dos primeiros proxectistas, cun dos equipos máis avanzados do seu tempo para o visionado de películas, que transportaba nun camión por toda a xeografía galega; o primeiro cineasta da emigración, e un excelente fotógrafo que inovou a técnica do retrato.
A aportación de José Gil é imprescindible para o cinema feito en Galicia, que fala da nosa terra e os nosos espazos, comezando polas Neves. Foi un visionario que tiña un soño e sempre traballou por el adiantándose ao seu tempo e un estandarte do fenómeno do cinema en Europa.
2023: o ‘Ano Gil’
Este 2023, está adicado á súa personalidade, a súa vida e a súa obra por medio do proxecto “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema”, que renderá homenaxe durante todo este ano 2023, ao pai do cinema galego. Esta iniciativa, impulsada pola Deputación de Pontevedra suporá unha lembranza multidisplinar: dende a óptica audiovisual, con proxeccións cinematográficas, capitaneadas por Vía Láctea Films, representada polo director Ignacio Vlar; literaria, coa presentación da biografía ‘Nos días encantados de agosto’, de Manolo González, editada por Galaxía, dirixida por Francisco Casto, é cultural,abranguendo exposicións, concertos, debates, charlas, mesmo sesións vermú, impulsadas ao longo de todo este ano.
O ‘Ano José Gil’, que chegará a 30 concellos da provincia cos que o cineasta tivo relación, comezou o 24 de febreiro nas Neves, moi preto da súa casa de Rubiós, e percorrerá Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas, Mondariz, O Grove, Poio, Baiona, Redondela, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas, Pontecesures, Lalín, Sanxenxo, Pontevedra, Tui, Vigo (en outubro), Covelo, Moaña, Salvaterra, Marín , Vilagarcía, para rematar, no mes de decembro, en Ponteareas.