Concello das Neves

A Praza do Concello e o parque infantil pasan a ser ‘Espazos sen fume’ nos que está prohibido fumar

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Mª del Carmen Abeledo Márquez, presidenta Provincial de la Asociación Española contra Cancro en Pontevedra. e o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, asinaron un acordo que permitirá impulsar no noso concello o proxecto ‘Espazos sen fume’.

O mesmo promove a creación de ambientes libres da exposición ao fume nocivo do tabaco ‘tradicional’ e tamén dos ‘cigarriños electrónicos’, en lugares abertos de uso público e colectivos. Así, a Praza do Concello e o perímetro do parque infantil que está ao seu carón, son xa ‘Espazos sen fume’ nos que está prohibido fumar.

Esta medida é posible grazas, tamén ao traballo da Concellería de Benestar, dirixida por Pilar González Casas, e de Rebeca Castro, Técnica de Prevención da AECC da provincia de Pontevedra.

Prevención

«Dende a Asociación Española Contra o Cancro queremos salientar a importancia da prevención…e que mellor prevención que coidar a saúde da poboación nos espazos públicos? É importante que as institución tomen conciencia e apoien iniciativas que contribúan á mellora da calidade de vida dos seus veciños. Estamos moi satisfeitos co respaldo do Concello das Neves ao que agradecemos a súa participación nesta iniciativa», comentou Carmen Abeledo.

Esta colaboración permitirá poñer en marcha accións informativas para concienciarnos a todos sobre os factores que facilitan a prevención e detección precoz do cancro para rebaixar as taxa de incidencia e mortaldade desta enfermidade.

Ao mesmo tempo, promóvese unha vida libre de fume, que protexa aos cativos e a poboación máis nova; pretende acabar coa ‘normalidade’ do costume de fumar en espazos públicos de convivencia e incentivar o abandono do hábito do tabaco.

O tabaco mata e o seu fume, tamén

O consumo de tabaco é a primeira causa de morte que pode previrse. Cada ano morren en todo o mundo 8 millóns de persoas a causa do tabaco, delas 7 millóns por consumo directo e 1 millón que nunca prenderan un cigarro.

en España, o tabaco mata cada ano a máis de 50.000 persoas, ademais de ser o responsable do 30% de todos os casos de cancro e de ata 20 tipos distintos do mesmo, como os cancros de pulmón, larinxe, páncreas, vexiga, fígado ou esófago.

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email