O alcalde asinou hoxe coa presidenta da Deputación de Pontevedra , Carmela Silva, un convenio que permitirá facer realidade o proxecto de recuperar para as veciñas e veciños o espazo público na vila.
Este primeiro paso darémolo, salientou Xosé Manuel Rodríguez Méndez, coa humanización da Travesía Eira da Liñaza. A mesma será posible coa incorporación das Neves ao Plan ReacPon que permitirá acometer unha peonalización que o Concello quere levar a todo o seu territorio.
Unha inversión de case 400.000 euros
Este traballo contará cun orzamento de case 400.000 euros, dos que a Deputación achega 359.798 e o Concello das Neves algo máis de 39.000, e que permitirá actuar nunha parte da vila situada xunto ao colexio, a escola infantil ou o Pavillón Municipal de Deportes, na contorna das rúas San Agustín e Rosalía de Castro, xa arranxadas polo Goberno local.
«Gran proxecto de peonalización do Concello»
No acto na Deputación, no que tamén estivo presente o vicepresidente do organismo provincial, César Mosquera, o alcalde subliñou que, logo de construir un espazo peonil neste ámbito, seguimos adiante co «gran proxecto de peonalización do concello» que fornecerá a seguridade, apostará pola mobilidade sostible e permitirá devolver ás persoas un espazo de tránsito polo que camiñar.
Xuntar Setados con Tortoreos
A humanización da Travesía da Eira da Liñaza é parte dese plan do Goberno municipal que pretende xuntar Setados con Tortoreos e que é peza clave da idea de ‘Vive nas Neves».
‘Vive nas Neves’, explicou o alcalde quere desenrolar a idea de «como queremos vivir, e como queremos atraer poboación e fixala nun concello como o noso, que está na fronteira entre perder poboación e intentar gañala».
O seu obxectivo fundamental é facernos desexables: «que se veña porque se desexa vir ás Neves, e este proxecto disparará ese desexo de querer vir».