A presidenta da Deputación de Pontevedra visitou este luns acompañada do alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, o primeiro tenente de alcalde, Marcelino Couto, e o equipo de Goberno municipal, as obras de recuperación do espazo público financiadas no centro urbano do concello a través dos plans extraordinarios da Deputación: a transformación da rúa Rosalía de Castro, a praza de Santo Agostiño e contorna, na que se investiron 255.000 € con cargo ao Plan DepoRemse, e a humanización da Eira da Liñaza cun investimento de 400.000 euros a través do ReacPon, o que supón en conxunto, 655.000 euros.
Na visita, Carmela Silva, Xosé Manuel Rodríguez e Marcelino Couto tamén se anunciaron as inminentes obras que se realizarán na estrada da estación, EP-4204, para a mellora da mobilidade peonil do primeiro treito desta infraestrutura viaria, nas que se investirán 177.000 €. Estas tres actuacións, situadas en continuo, conforman o que a será “o grande circuíto peonil das Neves”.
«As Neves é un lugar onde merece moito a pena vivir»
A presidenta, que asegurou que estes proxectos permiten que a cidadanía vexa mellorada a súa calidade de vida ao recuperar o seu espazo e a beleza das Neves. Carmela Silva sinalou que fronte ao modelo de beirarrúas estreitas ou vías que estaban pensadas só para os vehículos, agora a Deputación e o Gobeno local fan posible «un cambio centrado nas persoas».
Así salientou, as obras acometidas permiten que “as nenas e os nenos xoguen na rúa, as persoas maiores camiñen con seguridade e conviven e relaciónanse con outras, e a xente con dificultades de mobilidade pode sair sen temor ás inseguridades que producían os modelos anteriores. Toda a veciñanza goza do espazo público e iso fai que As Neves sexa un lugar onde merece moito a pena vivir”. Por iso, a presidenta deu os parabéns ao Goberno municipal.
«Que a xente estea a gusto»
Pola súa banda, o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, sinalou que “a través da Deputación transformamos un espazo excepcional que estaba degradado» co obxectivo de que “a xente estea a gusto”. Xosé Mauel Rodríguez, apuntou que a Deputación “inviste con obxectividade en todos os concellos, o que garante unha actitude política positiva e construtiva». Por iso, asegurou, “temos que conseguir que a política sexa capaz de superar as barreiras e que os proxectos non paren porque alguén teña ou non unha ideoloxía”, en alusión a un treito de menos de 100 metros da estrada autonómica PO-415 (entre Santo Agostiño e Eira da Liñaza) onde a Xunta impide actuar, o que provoca unha ausencia de cohesión na trama urbana da vila.
Tres proxectos para mudar a panorámica urbana das Neves
As obras da humanización da Eira da Liñaza financiadas co ReacPon tiveron un investimento de 400:000 euros: 360.000 € da Deputación e 40.000 do Concello das Neves no marco dunha aposta compartida por ambas administracións para a recuperación do espazo público para as persoas e a convivencia de usos peonís e rodados. Para iso, as obras contemplaron a dotación de prioridade peonil para xerar un espazo de convivencia, a limitación das zonas de aparcamento, o estabelecemento de franxas verdes para dar un aspecto máis amable que fomente a mobilidade das veciñas e veciños, a execución dun miradoiro con vistas ao Río Miño e á súa orografía, a instalación de puntos adicionais de alumeado público e o acondicionamento das redes de servizo.
Estrada da Estación
En canto ao proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP-4204, a estrada das Neves á estación de ferrocarril, a administración provincial e o Concello investirán 177.000 euros (80% Deputación e 20% Concello) nun treito de 550 metros co fin de crear itinerarios peonís e seguros para as persoas.
Con estas obras, que teñen un prazo de execución de 5 meses, construirase unha senda peonil de 125 metros na marxe dereita da estrada e ampliarase a marxe esquerda da calzada para que os carrís teñan 2,75 metros de ancho. Tamén se creará unha zona de convivencia con preferencia peonil, de 25 metros de lonxitude, no cruce entre a estrada e a Eira da Liñaza. A partir deste punto e ata o final da actuación ampliarase a plataforma de firme na marxe esquerda, renovarase a capa de rodaxe, a rede de pluviais, a de alumeado público soterrada, a sinalización e o mobiliario urbano.
Contorna do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, praza de Santo Agostiño e Rosalía de Castro
No marco do DepoRemse investíronse 255.000 € (o 90% pola Deputación e o 10% polo Concello) para transformar a contorna do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e a praza de Santo Agostiño a través da rúa Rosalía de Castro. Este espazo pasou de estar invadido por vehículos a ser reordenado cunha plataforma única de pedra, seguindo a estética empregada no centro urbano das Neves.
Na contorna do colexio reordenouse o aparcamento cunha beirarrúa de 2,5 metros de anchura, co marcado dos espazos e identificación mediante marcas viarias dos destinos dos autobuses. Tamén se retirou unha torre de electricidade, unha gran demanda da comunidade escolar.
Por último, na rúa Rosalía de Castro creouse un itinerario peonil, accesible e seguro, ampliouse unha das beirarrúas e dispuxéronse pasos peonís sobre a calzada reforzados con luminarias no chan para dotar ao espazo dunha mellor visibilidade.