Concello das Neves

As Neves celebra os días 11 e 12 a ‘XVI Festa do Tinto Rías Baixas’

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

A programación abrangue gastronomía, música, andainas, xogos, cultura urbana e actividades para cativos

As Neves celebra dende o vindeiro martes, día 11 de outubro, a ‘XVI Festa do Tinto das Rías Baixas’ que, como nos tres últimos anos, terá o seu día central mércores 12.

Se a edición de 2021 foi a da volta á normalidade, superando as restricións impostas pola pandemia da COVID, este 2022 é o tempo da aposta pola calidade, apuntou a concelleira de Cultura Rocío Barreiro, no acto de presentación, na Casa da Xuventude.

Barreiro, que estivo acompañada polo primeiro tenente de alcalde, Marcelino Couto, e representantes das catro adegas das Neves que estarán presentes nesta edición -Viña Nora, Chan de Vide, Señorío de Rubiós e Entrevideiras- subliñou a concurrencia, un ano máis, de viños de toda a Denominación de Orixe Rías Baixas, a unha cita que, como o tinto, «colleu corpo e aspira a ser unha referencia no sector».

A concelleira e o primeiro tenente de alcalde lembraron que o espazo gastronómico e de degustación, na Praza Maior estará aberto durante todo o día, haberá mesas para xantar, postos, ‘Food Truck’ e pulpeiros, e que o día 12, o espazo de xogo para os cativos estará aberto toda a xornada.

Martes, día 11

As actividades arrancarán o día 11 ás 20:00h. coa ‘Apertura da Festa’, e a actuación musical do Grupo de Pandereteiras Saia da Lá. Ás 21:00h. será o Concerto de Sheila Patricia Trío e pechará a noite cunha sesión de música a cargo de DJ Belindos Music.

Mércores, 12

O mércores 12, o día comezará cedo coa ‘Ruta da Festa do Tinto Rías Baixas’.

Ás 11:00h. Apertura da Festa co concerto da Coral Ventos do Val de Petelos,comezará a festa; seguida da recepción de autoridades, ás 11:45h. na Casa do Concello. De contado, ás 12:00h. Pregón ‘Emprendedores da Terra’, a cargo de Alejandra González e Antonio Méndez.

Ao redor das 13:00h. será a quenda do grupo Ronco&Fol, e xusto logo do xantar, ás 15:15h. actuación de ‘Habelas Hailas, que dará paso ás 17:00h. a Actividade Infantil, con Contos ambientais, Miña Casiña meu lar de Caxoto.

Tamén ás 17 h. e ata as 20:00h.- Obradoiros de Graffiti, Skateboard, Danzas Urbanas e estampación de camisetas,  na Casa da Xuventude, con ‘Vella Escola’.

Ás 19:00h. Concerto do Grupo Ghavetta ata o peche da festa ás 20:30h.

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email