Concello das Neves

As Neves conta cun novo servizo de Neuro-Rehabilitación

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

-O Concello e a Cooperativa Micelio asinan un acordo para ofrecer esta atención terapéutica, dende este mes de setembro,na antiga escola de Santiago de Ribarteme

As Neves e todo o Condado Paradanta contarán cun novo servizo de neuro rehabilitación, logopedia e terapia ocupacional, logo do acordo acadado polo Goberno municipal e a Cooperativa Micelio para ofrecer atención terapéutica na antiga escola de Santiago de Ribarteme.

O alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, visitou as obras de adaptación que se están a realizar na antiga escola, afectada polos incendios de 2017, que estarán rematadas nos próximos días e que permitirán abrir as portas na segunda metade deste mes.

Aproveitar todo o potencial do rural para a práctica clínica da logopedia e a terapia ocupacional é o obxectivo da Cooperativa Micelio, sinalan as súas responsábeis, e, ao mesmo tempo, realizar tratamentos de neuroreabilitación, interactuando co entorno, para mellorar a calidade de vida das persoas.

A intención final, subliñan, é dotar de recursos terapéuticos ás Neves e a súa contorna para dar resposta ás necesidades poboacionais, moitas delas detectadas dende os Servizos Sociais do propio Concello, traballando en rede a través, tamén, da atención temperá, a orientación e acompañamento ás familias, nas adaptacións no fogar ou asesorando en produtos de apoio e ortoprotésicos.

O alcalde apunta que «dende o Concello vimos na proposta de Micelio unha oportunidade de poder ofrecer ás veciñas e veciños das Neves un servizo que non existía ata este momento«. Xosé Manuel Rodríguez subliña que para iso «aproveitamos a posibilidade de dispoñer de edificios públicos, que non se utilizan durante todo o ano«, e dar esta atención aos residentes das Neves e do Condado.

«Micelio, unha cooperativa sen ánimo de lucro, contribúe a complementar, así, os servizos sociais o cal parécenos unha boa maneira de facer medrar e de mellorar a calidade asistencial coa que contan os cidadáns, e facelo optimizando os recursos públicos dos que dispoñemos».

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email