Concello das Neves

As Neves é xa un dos cinco concellos que integran o proxecto ‘Hub’ contra a fenda dixital

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

As Neves  é un dos cinco concellos que participarán no proxecto piloto ‘Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra’. Desenrolado pola Deputación de Pontevedra durante 2023 e 2024, terá un orzamento de 500.000 euros, deles 280.000 € do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico dentro das subvencións para o financiamento de proxectos promovidos por entidades locais para a innovación territorial e a reactivación da actividade socioeconómica e a loita contra o despoboamento. De feito, foi un dos proxectos máis valorados do Estado.

«O rural ten futuro»

Carmela Silva, presidenta da Deputación, mantivo unha xuntanza coas alcaldesas e alcaldes destes concellos, entre eles Xosé Manuel Rodríguez, das Neves na que asegurou que “o rural ten futuro, estou convencida, e témolo que encher de recursos, servizos e dereitos para que eses concellos sexan sitios apaixonantes e nos que sexa unha marabilla vivir”.

A presidenta agradeceu aos rexedores o seu «compromiso e complicidade, porque sen iso e sen medidas non teremos resultados”. Ao sumarse, asegurou, “ides ser referentes nesta loita. Grazas a este proxecto imos poder extraer datos e, froito do contacto coa xente, detectaremos o que solicitan e idearemos novos proxectos”.

Tanto a soidade non desexada como a fenda dixital son graves problemas que afectan moito o rural e o ‘Hub’ busca a mellora das habilidades dixitais, orientado especialmente a persoas maiores e mulleres (aínda que se poderían sumar outras persoas que detecten esta necesidade), especialmente no ámbito rural onde a fenda dixital é máis patente, e que chegará a aproximadamente 500 persoas.

Tres eidos

O programa articúlase en tres eidos: capacitación e formación en habilidades e competencias dixitais, desenvolvemento dunha plataforma innovadora de formación cun módulo de creación de contidos e, por último, desenvolvemento de servizos e solucións inclusivas e accesibles adaptadas á contorna e aos colectivos en risco de exclusión en municipios de reto demográfico de carácter rural.

Captación e formación

Na área de capacitación e formación, habilitaranse espazos nestes cinco concellos para realizar 8 formacións presenciais (50 persoas por itinerario), dotándoos polo tanto do equipamento tecnolóxico e audiovisual necesario. Ademais, crearase unha rede de voluntariado dixital para dar soporte tecnolóxico a quen o precise a través de chats e foros de conversa para persoas en soidade, promovendo así a participación interxeracional.

Plataforma Interactiva

No eido da plataforma interactiva, seleccionaranse 25 axentes dixitalizadores ou influencers, persoas con coñecementos e habilidades no emprego das novas tecnoloxías, que actuarán como capacitadoras ante a súa veciñanza. Estas persoas participarán unha plataforma de formación activa e contidos dixitais na que se habilitarán canles de contidos dinamizados polos propios e as propias influencers sobre cuestións como turismo, patrimonio ou aprendizaxe musical. Unha parte destes grupos de axentes terán que ser veciñas ou veciños de cada un dos cinco concellos.

Desenvolvemento de servizos e solucións inclusivas

Na área de desenvolvemento de servizos e solucións inclusivas, realizarase unha diagnose dos servizos dixitais das administracións cos que se elaborará un Libro Branco de servizos dixitais inclusivos e accesibles e tamén se organizará unha xornada ou sesión de laboratorio de innovación social, na que participarán empresas tecnolóxicas e provedoras de servizos sociais. O obxectivo da sesión será desenvolver solucións amables coas persoas maiores e con pouca formación dixital, que teñan en conta como empregan as tecnoloxías.

 

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email