Concello das Neves

As Neves participará en ‘Da túa man rural’ iniciativa que impulsará o comercio e a hostalería local

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

O alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, participou na sede da Deputación de Pontevedra na posta en marcha de “Da túa man rural”, xunto coa presidenta do organismo, Carmela Silva, e os alcaldes e alcaldesas de Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, Rodeiro e Pontecesures.

‘Da túa man rural’ é unha iniciativa que contará con preto de 500.000€ de fondos NextGenerationE, da Unión Europea e 125.000€ da Deputación  para “apoiar o comercio e a hostalería local». Como sinalou a presidenta, «que o comercio e a hostalería local sigan existindo é algo fundamental para que os concellos sigan vivos” e por iso este proxecto chegará a máis de 700 locais de comercio polo miúdo e de hostalería de toda a provincia.

Visibilizar e modernizar

A finalidade de “Da túa man rural” é a de visibilizar e modernizar o pequeno comercio local, fomentando o comercio de proximidade e traballando para poder adaptalo ás novas demandas e hábitos de consumo, en concellos de menos de 5.000 habitantes caracterizados por unha importante dispersión xeográfica, poboación envellecida ou dificultade para a adaptación ás novas tecnoloxías, pero tamén con recursos turísticos estratéxicos.

Dous anos

Ao abeiro de “Da túa man rural”, ao longo dos próximos dous anos, deseñaranse e lanzaranse tres campañas de comunicación en medios dixitais para animar á xente a que merque no comercio local. Tamén  se planearán campañas para a radio.

Por outra banda, dotarase de prazas de aparcamento reservadas e deseñadas para persoas con mobilidade reducida, sinaladas de forma visible e coas dimensións regulamentarias, ademais de delimitar a zona comercial mediante o embelecemento con xardineiras, “creando un espazo que sexa atractivo”. Todo isto farase con materiais respectuosos co medio ambiente e adoptando as medidas necesarias para asegurar a accesibilidade universal.

A transformación do punto de venda contemplarase coa instalación de sinalética corporativa luminosa con carga solar que contará coa información sobre a localización da zona comercial e dos comercios, dirixida a visitantes, turistas e residentes e que se asociará con códigos QR.

Sostibilidade

En materia de sostibilidade promoveranse novos deseños de ‘paquetería’ para o comercio e a comunidade escolar, como alternativa sostible e reutilizable ao de plástico ou papel, empregando materiais compostables ou reciclados da actividade comercial e hidrosolubles. Ademais, instalaranse illas ecolóxicas que estarán dotadas de contedores
específicos para papel e cartón, envases lixeiros, vidro, biorresiduos e restos, mais tamén con dispositivos para a reciclaxe de residuos especiais, como pilas, lámpadas ou residuos electrónicos.

Rede de comercio local

Para crear vínculos comerciais e estreitar e fortalecer as relacións, porase en marcha unha rede de comercio local que integrará aos axentes do mesmo cos produtores locais e provedores de servizos.

Sensibilización e formación

Por último, estarán en funcionamento dúas liñas en materia de sensibilización e formación, unha que contará con
talleres dirixidos ás e aos comerciantes sobre xestión de negocio con novas tecnoloxías, maketing dixital e venda online, e a outra, pensada tanto para comerciantes como para persoas consumidoras, para fomentar os principios da sustentabilidade, aprender a prever a xeración de residuos, a reutilización de produtos ou a correcta separación dos
residuos para a reciclaxe.

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email