Concello das Neves

Convocadas novas axudas para mellorar a imaxe exterior de vivendas e equipamentos

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de abrir o prazo de solicitude de Axudas para Corrixir Impactos Paisaxísticos en vivendas particulares.

Esta convocatoria de 2022, que é moi similar á anterior, introduce algunhas melloras, como a simplificación dos trámites, a redución da documentación a presentar por parte dos solicitantes, novas especificacións e novidades técnicas  para ampliar o abano das actuacións subvencionables.

Así mesmo, adiantouse a publicación destas axudas ao mes de xaneiro, co obxectivo de que os particulares interesados poidan dispoñer de máis tempo para executar e xustificar as actuacións obxecto da mesma.

Actuacións subvencionables e tipos de edificacións

Entre as actuacións subvencionables inclúense, no caso dos propietarios particulares, obras de revestimento e pintura de fachadas sen rematar, renovación dos acabados e remates exteriores de edificacións e vivendas —tamén das cubertas—, acondicionamento de peches de fincas e muros de cerramento ou substitución de celosías.

O prazo de presentación das solicitudes rematará o 21 de febreiro. Podes atopar as bases, consultar as  todas as condicións, e descargar os documentos necesarios premendo aquí.

Concellos de menos de 20.000 habitantes

En canto ás subvencións destinadas aos Concellos de menos de 20.000 habitantes, poden pedir ata dúas axudas, unha por cada liña: a Liña I, dirixida a actuar sobre o exterior de edificios ou dependencias de tipo sanitario, educativo, cultural ou administrativo-institucional; e a Liña II, pensada para recuperar equipamentos e elementos de uso público —fontes, palcos de música, lavadoiros e hórreos— que debido ao desuso ou a unha deficiente conservación teñan un impacto indesexable sobre a súa contorna.

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email