Este 28 de xuño conmemoramos o Día do Orgullo LGBTI+ e recordamos a revolta de Stonewall de 1969 en Nova York, na que anos de loita e reivindicación a prol dos dereitos das persoas LGBTI+ se traduciron en resistencia á discriminación policial, o que marcou o que se considera o inicio do movemento na defensa dos dereitos das persoas LGBTI+.
Un ano despois, a primeira marcha do Orgullo percorría as rúas que foran testemuña dese acto de liberación. Era o 28 de xuño de 1970.
Noutros países do mundo, o movemento na defensa dos dereitos das persoas LGBTI+ xurdira e consolidárase xa antes dos disturbios de Stonewall, mais esa conmemoración é o nexo de unión para unhas mobilizacións que se realizan en distintas latitudes.
Desde entón, a loita polos dereitos das persoas LGBTI+ sumou apoios e logros desde o punto de vista social e lexislativo que fan que o percorrido desde aquel 28 de xuño de 1970 estea cheo de conquistas e avances para as persoas LGBTI+ e, por extensión, para o conxunto da sociedade. Con todo, o camiño que nos trae ata aquí non estivo, nin está, libre de obstáculos.
Sabemos que segue habendo unha parte da sociedade que nos nega o dereito a vivir libres e iguais e que anhela os tempos en que non se nos permitía ser quen somos, en que se nos negaban os dereitos e as liberdades que hoxe temos, que imos construíndo colectivamente.
Nesa construción ten especial valor ollar a Galiza, e recoñecer os fitos e as pegadas dunha disidencia sexual que se teceu xunto cos nosos trazados urbanos e rurais, como o noso, onde moitos colectivos levan décadas sendo concellos de acollida, ademais do forno en que se xestaron moitas das reivindicacións transformadoras que antecederon ós dereitos dos que gozamos hoxe.
Nese sentido, precisamos coñecer o que aconteceu, e rescatar aquelas historias de discriminación, de resistencia, de solidariedade e de loita colectiva, para comprender que somos unha sociedade diversa, concellos diversos.
Porque a memoria das que viñeron por tras e das súas pegadas é unha ferramenta necesaria para avanzar na igualdade e nos valores cívicos.
Vemos con preocupación como nos últimos anos se produciu un incremento nas agresións LGBTIfóbicas, verbais e físicas, que son a máxima representación da discriminación que sofren as persoas LGBTI+ e que mostran que fica moitísimo traballo facer para garantir o dereito a vivir de forma libre e igual independentemente da identidade de xénero ou orientación sexual.
Por iso é necesario que desde o ámbito das administracións públicas se destinen recursos materiais, económicos e persoais, que garantan que traballamos de forma transversal nos ámbitos da prevención de todo tipo de discriminacións, de atención e asesoramento ás persoas que o necesiten e de intervención social, xurídica e policial coordinada para erradicar todo tipo de violencias.
Aínda que queda moito traballo por facer, neste 28 de xuño reivindicámonos como unha comunidade social orgullosa, diversa e segura para que todas as persoas poidamos ser libres en todos os ámbitos das nosas vidas, onde todas as persoas que viven, traballan, estudan ou nos visitan, sintan tamén que todos e cada un dos concellos son lugares onde poder ser quen queremos ser sen ningún tipo de limitación.
Por todo o exposto, o Concello de As Neves manifesta o seu compromiso coa defensa e reivindicación dos dereitos das persoas LGBTI+ e coa erradicación de todas as formas de discriminación e, por iso, acorda:
- Apoiar as mobilizacións convocadas polo movemento LGBTI+ o 28 de xuño, Día do Orgullo LGBTI+.
- Avanzar na formación interna e nos protocolos e formularios para garantir un acceso igualitario e libre de discriminacións aos servizos públicos das institucións municipais para todas as persoas.
- Garantir unha perspectiva transversal a todas as áreas de goberno dos dereitos das persoas LGBTI+.
- Actualizar os protocolos fronte ao acoso, engadindo segundo a lexislación vixente, o acoso por razón de orientación sexual, identidade sexual, identidade e expresión de xénero.