Concello das Neves

Indignación nos concellos do sur da provincia polo «desprezo e abandono» da Xunta tras os danos causados polas inundacións

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Máis de dous meses dende as fortes inundacións sufridas o pasado Nadal, os alcaldes e alcaldesas de 13 concellos do sur da provincia de Pontevedra máis afectados polos temporais, reiteran a súa petición á Xunta de Galicia de que declare o territorio como Zona de Emerxencia de Protección Civil e estableza medidas de apoio económico para asumir a rehabilitación duns danos valorados polo momento en máis de 10 millóns de euros…sen sumar os sufridos polo sector agroforestal, empresas e particulares.

Rexedoras e rexedores da Cañiza, A Guarda,  As Neves, Baiona, Gondomar, Mondariz, Nigrán, O Rosal, Ponteareas, Redondela, Salceda de Caselas, Tomiño e Tui lamentan o “desprezo e abandono” da Xunta non só aos Concellos, que sufriron seis semanas de inundacións reiteradas, senón tamén aos case 200.000 habitantes, ás pequenas e medianas empresas e ás persoas autónomas deste territorio.

‘Estamos sos’

“Enfrontamos sos está situación dende o primeiro momento, incluso para poder facer unha valoración dos danos sufridos. Levamos tres meses realizando e sufragando as reparacións para recuperar servizos esenciais para a nosa veciñanza, gastos por un valor que nalgúns municipios é un terzo do seu orzamento anual. Estamos ante unha situación complicada, sen saber como imos afrontar os custos e coa Xunta, a administración competente, desaparecida”, salientaron este xoves en rolda de prensa.

Os dous meses de silencio de Rueda

Tras dous meses de silencio por parte da administración autonómica, o seu presidente, Alfonso Rueda, respondeu á carta conxunta enviada o 1 de febreiro polos 13 alcaldes e alcaldesas asegurando que a Xunta estaría disposta a trasladar ata a zona ao vicepresidente segundo para coñecer os danos, aínda que instando aos Concellos a organizar un encontro no que tamén estiveran presentes representantes doutras administracións.

«Desprezo»

“É un verdadeiro desprezo aos municipios, aos seus rexedores e rexedoras, ao tecido empresarial e á veciñanza. Nunha situación extrema como esta son os Concellos os que demostraron estar ao lado da xente, asumindo cuestións nas que non teñen competencias por garantir o benestar da cidadanía”, aseguraron os rexedores e rexedoras. Lembraron ademais o resto de administracións responderon con axilidade ante a delicada situación, xa que o delegado do Goberno do Estado estivo visitando a zona e explicando aos Concellos as distintas liñas de axudas postas á súa disposición e a Deputación de Pontevedra habilitou crédito e unha liña de axudas para facer fronte á reparación dos danos.

Partida extraordinaria

Ante o elevado balance de estragos, os concellos afectados urxen tamén á Xunta unha partida orzamentaria extraordinaria dada a excepcionalidade dos danos nestas comarcas, que non só permitiría aos gobernos municipais afrontar e reparar os danos, senón que tamén beneficiaría a milleiros de veciños e veciñas que teñen que recompoñer as súas vivendas e propiedades tras os estragos causados pola forza inusual da auga e a persoas autónomas e moitas pequenas e medianas empresas que viron danadas as súas instalacións.

E ademáis:

O Concello das Neves destina preto de 195.000 euros ás obras de emerxencia para reparar os danos do temporal

 

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email