Concello das Neves

O alcalde das Neves presenta a oferta turística do noso territorio en FITUR

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

As Neves estivo presente na Feira Internacional do Turismo (FITUR), en Madrid, como parte da proposta presentada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Condado Paradanta.

É o quinto ano no que o GDR está presente no stand de Galicia para expoñer a oferta dun territorio integrado por dez concellos (Arbo, A Cañiza, O Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, Ponteareas, Salvaterra de Miño,  Salceda de Caselas e As Neves).

Intervención do alcalde das Neves

O alcalde das  Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, como vocepresidente do GDR Condado Paradanta,  fixo unha emocionante exposición para invitar a visitar o Condado, salientando a valor da natureza, a paisaxe, a  gastronomía e a enología, o patrimonio histórico e inmaterial, o Miño ou a irmandade con Portugal.

«E existen, tamén, noite,estrela, lua…e miradoiro..palabras que vos traigo a modo de invitación a soñar tumbados en Sanomedio, Faro de Avión, Guláns…e que desvelan a maxia dos lugares baixo as constelacións estelares. E os regalo unha verba máis: Cobiza. Para mi simboliza o desexo, os azos, o empurro, a intención e a realización afanosa de todo canto emprendemos. Vinde e veredes. Vinde e gozade«.

Turismo deportivo

Nesta ocasión dende o GDR vólvese a facer unha aposta polo turismo deportivo. Se o pasado ano presentaban o deseño do centro BTT agora dan a coñecer o resultado deste proxecto, que supón máis de 250 quilómetros formado por un gran trazado circular que recorre todo o territorio, ademais detreitos máis curtos en cada un dos concellos que trasladan ao visitante aos recursos de interese do territorio. Trátase de rutas doadas, orientadas sobre todo ao turismo familiar e outras de longas distancias para deportistas profesionais e afeccionados.

Xunto co centro BTT presentan o deseño do circuíto de trail, do cal se proxectan tres trazados, un de 21 quilómetros, outro de 13 e outro de seis, distribuídos polo territorio e que complementan aos de BTT.

‘Pasaporte Condado Paradanta’

O outro produto promocionado en Madrid é o pasaporte do Condado-Paradanta. Unha credencial gratuíta da que xa se esgotaron os 1.000 primeiros exemplares que ofrece unha selección de propostas turísticas e gastronómicas exclusivas no Xeodestino.

Agora lanzarase unha segunda edición desta iniciativa que ten como misión atraer e fidelizar tanto a chegada de persoas de fóra aos dez concellos que compoñen este GDR, como manter como clientes aos propios veciños. Pretenderase así dar continuidade ao traballo posto en marcha o ano pasado, incorporando desta vez novas empresas e servizos que complementen aos existentes.

Ademáis do alcalde das Neves, tamén interviu o presidente do GDR Condado Paradanta, Pablo Castillo, alcalde de Covelo, e Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, quen destacou outras das calidades do xeodestino como destino turístico: as festas de interese e a gastronomía (lamprea, rosquilas, requeixo, xamón…) sen esquecer a posta en valor de todo o que se está facendo no territorio, de maneira colaborativa coas institucións públicas e do sector privado.

Sistema Integral de Calidade Turística

E tamén en Fitur fixeron fincapé no Sistema Integral da Calidade Turística Española en Destinos (SICTEC), un programa de traballo orientado á  mellora da calidade turística en empresas e servizos turísticos co obxectivo de conseguir unha visión global de destino.

Este proxecto é xestionado dende o 2020 polo GDR e, a día de hoxe, existen no territorio un total de 47 empresas e servizos adheridos a este selo, o cal permite garantir un servizo turístico de calidade, un turismo 10. E a previsión neste 2022 e poder adherir unha quincena máis.

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email