Concello das Neves

O Concello aproba o maior orzamento da súa historia

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

O Pleno do Concello das Neves aprobou este martes o Orzamento Municipal para 2023, o sétimo que saca adiante a coalición de Goberno BNG-PSOE e o maior de toda a historia das Neves. As contas saíron adiante cos 6 votos a favor dos representantes dos partidos de goberno e os 5 en contra do Partido Popular e o concelleiro non adscrito.

O maior orzamento da historia das Neves, sen subida de impostos e sen débeda

En total, como explicou o alcalde, o Concello das Neves disporá este ano de 3.261.000 euros, preto do dobre do que contaba en 2015, cando o actual equipo fíxose cargo da xestión municipal. Este aumento dos recursos, salientou Xosé Manuel Rodríguez, non leva incluída unha suba de taxas e impostos, que se manteñen como o ano pasado, apróbase nunha situación de superávit e sen endebedamento algún, o que amosa «unhas contas saneadas e unha xestión económica seria e sensata».

A maior inversión

Ademais, o ano 2023 será, tamén, o de maior inversión real de recursos propios do Concello: 443.783 euros fronte aos 29.500 euros de 2022, o que significa un aumento do 1.400%. Os mesmos destinaranse a facer fronte a varias actuacións «necesarias e urxentes»:reparación do Mercado Municipal; reparacións das piscinas municipais; adecuación da antiga escola da Estación; recuperación da contorna do río Xuliana, O Rabelo e das Neves, rehabilitación de vivendas para alugamento social, e pavimentación de camiños.

En relación con esta última partida, o alcalde lembrou que en 2022, a práctica totalidade da cantidade procedente do Plan Concellos da Deputación, preto de 300.000 euros, destináronse á mellora e arranxo de estradas, pistas e camiños municipais; que o Goberno municipal aprobará unha ‘Liña de Emerxencia’ de 100.000 euros para arranxar os danos do temporal, e que está en marcha o Plan de Reforma de Vías, que abrangue todo o mandato e que continuará tamén este ano.

Ingresos

Polo que se refire ao capítulo de ingresos, os mesmos proceden, principalmente, de taxas e impostos municipais (1.067.000 euros) de participación en Tributos do Estado (820.000 euros) e da participación en Tributos das Comunidade Autónoma e transferencias en Servizos Sociais e  Políticas de Igualdade (542.000).

Non se inclúen neste capítulo, porque aínda non están aprobadas, as achegas que o Concello das Neves recibirá da Deputación de Pontevedra, procedentes de varios programas e tampouco as subvencións doutros organismos pola realización de diferentes proxectos. Por todos estes conceptos, o ano pasado a cantidade final que recibiu o Concello das Neves superou os 2,5 millóns de euros, o que suporía, de repetirse, que o orzamento real para este 2023 achegaríase aos 6 millóns de euros.

Gastos

Polo que se refire aos gastos, un dos eixos fundamentais destes orzamentos será a cantidade destinada a Benestar Social, que segue aumentando; outro é a aposta polos servizos públicos, que abrangue medidas tan importantes coma a actualización da Relación de Postos de Traballo (RPT), «acordada entre todas as partes»; o Servizo de Axuda no Fogar ou a continuación da bolsa de axudas destinadas a subvencións para as Comunidades de Augas.

Así mesmo, o Goberno municipal da prioridade ao coidado e protección do medio ambiente e, neste eido, hai que subliñar a redución da factura por consumo eléctrico no alumeado, coa colación de luces LED e o especial coidado da eficiencia no uso da auga, como sinala o estudo sobre o uso dos recursos hídricos e a reforma do complexo das piscinas municipais que nos últimos anos estaban a perdes milleiros de litros e que requirían unha reforma urxente.

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email