Concello das Neves

O Concello das Neves impulsa un polígono de viñedo e planta ornamental como proteción fronte aos incendios

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

O seu desenvolvemento encaixa no marco do proxecto europeo ‘Forvalue’, tal e como tratou este martes o alcalde coa directora xeral de AGADER, organismo dependente da Consellería de Medio Rural 

O alcalde das Neves mantivo  unha reunión coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGDER), Inés Santé, na que, a petición do rexedor, trataron varios temas de interese para o concello.

Proxecto europeo Forvalue

No encontro, Xosé Manuel Rodríguez insistiu na necesidade de avanzar para facer realidade o polígono agroforestal destinado ao viñedo e á planta ornamental, unha proposta impulsada polo Goberno local dende o ano 2017, como proteción contra os incendios. O mesmo,  axustaríase ao marco do proxecto europeo Forvalue, unha iniciativa transfronteiriza que busca xerar ferramentas que favorezan a proteción do territorio fronte aos incendios forestais.

Cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (Poctep) 2014-2020, o proxecto Forvalue constitúe un marco de colaboración transfronteiriza, co gallo de compartir experiencias e xerar ferramentas que favorezan a resiliencia do territorio fronte aos incendios.

Nesa dirección, búscase promover modelos de xestión innovadores que xeren actividade económica a partir da biomasa producida, fomentar a implantación de fórmulas asociativas para a xestión da propiedade forestal na área de cooperación e favorecer a coordinación transfronteiriza na planificación e xestión do espazo forestal en materia de valorización e resiliencia a través do uso de novas tecnoloxías.

No programa Forvalue participan a Universidade de Santiago de Compostela, a Asociación Forestal de Galicia, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Forestis – Associação Florestal de Portugal e a  Comunidade Intermunicipal do Alto Minho e conta co apoio da Consellería de Medio Rural, e dos concellos de Arbo, Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas,  Carballeda de Avia e As Neves, no caso de Galicia, e Monçao en Portugal.

Aldea modelo 

O novo polígono sumaríanse a outra iniciativa de posta en valor de terreos en estado de desuso ou infrautilización: a aldea modelo da Porteliña, hoxe en marcha a iniciativa do Concello das Neves, cunha superficie de 34,57 hectáreas, que abrangue unhas 819 parcelas duns 359 propietarios.

Mellora e reparación do vial da Caiña

Na xuntanza, o alcalde plantexou á directora xeral a necesidade de que a Xunta acometa o mantemento, mellora e reparación dos viais e infraestruturas rurais do concello, en particular, a pista da Caiña que, salientou Rodríguez Méndez, precisa unha segunda fase de actuación que remate a súa reconstrución, regularización e pavimentado total do firme que presenta treitos no que é case intransitable.

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email