Concello das Neves

O Concello das Neves seleccionado polo Goberno do Estado para levar adiante o proxecto de recuperación de cinco vivendas na parroquia de Taboexa

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

O delegado do Goberno en Galicia visitou As Neves que é ún dos concellos seleccionado polo Goberno do Estado para levar a cabo un «proxecto pioneiro» contra o despoboamento, con fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

José Miñones, xunto co alcalde,  Xosé Manuel Rodríguez, o primeiro tenente de alcalde, Marcelino Couto, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e o todo o Goberno local, presentaron o proxecto para rehabilitar e converter as casas de mestres e escolas unitarias de Taboexa nun centro de coliving.

Asentar a poboación no rural

O obxectivo do Concello -como parte da súa inicitiva #ViveNasNeves–  é asentar poboación no rural e dinamizar a economía. Para iso, o proxecto vai intervir en cinco vivendas, actualmente en abandono, para reutilizalas e que se ocupen por novos habitantes. O proxecto, ademais de permitir o asentamento de poboación, tamén contempla proporcionar espazos para que estas persoas poidan desenvolver actividades económicas e sociais.

Traballo dende o Goberno local

A iniciativa presentada polo Goberno local das Neves, é unha das trece de Galicia seleccionadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico na convocatoria de axudas para desenvolver iniciativas innovadoras que fomenten a transformación territorial dos municipios de reto demográfico. Na provincia de Pontevedra inxectaranse 835.465 euros para desenvolver 4 iniciativas ao abeiro deste programa e que promoven a Deputación de Pontevedra, a Mancomunidade do Salnés, o AETC Río Miño e o Concello das Neves.

O delegado manifestou o convencemento do Goberno “no atractivo e na capacidade de transformación e actualización que ten o rural” e avanzou que este ano o Ministerio abrirá unha nova liña de axudas para proxectos piloto que porá a disposición das entidades locais 33 millóns de euros.

Os investimentos do Goberno do Estado nas Neves superan o millón de euros

José Miñones remarcou nas Neves a aposta polo municipalismo e pola continua colaboración cos concellos que se plasma en distintas liñas de investimento para impulsar a transición verde e dixital dos municipios. Apuntou que os investimentos do Goberno do Estado nas Neves superan o millón de euros para eficiencia enerxética, vivenda, reto demográfico e acceso a internet.

Alumeado exterior

Dentro destes investimentos destacan os 925.655 euros aportados polo IDAE (organismo do Ministerio para a Transición Ecolóxica) e que permitiron ao Concello das Neves renovar integramente a iluminación exterior municipal e a da Casa da Cultura, para facelas máis eficientes e posibilitar un aforro do 70% na factura e redución da pegada ecolóxica do municipio.

Aerotermia

Tamén no ámbito da eficiencia enerxética, o Concello das Neves vén de recibir unha achega de máis de 55.000 euros para instalar aerotermia nos edificios da Escola Unitaria e da Escola Infantil. Neste caso, a axuda foi xestionada pola Deputación de Pontevedra dentro dunha convocatoria específica do Ministerio para a Transición Ecolóxica dirixida a municipios de menos de 5.000 habitantes.

Vivenda

En vivenda, As Neves benefíciase da liña de recuperación de entornos urbanos dentro do Plan Estatal de Vivenda para impulsar a rehabilitación de vivendas no centro urbano e no barrio da Estación. Esta axuda inclúe a creación dunha oficina que asesore á cidadanía na mellora destas vivendas, actualmente baleiras, para poñelas de novo no mercado.

Banda ancha para 1.000 familias e empresas das Neves

Xunto a estes investimentos, o delegado tamén avanzou que o Programa ÚNICO Banda Ancha, xestionado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, garantirá a banda ancha de altas prestacións a 1.000 familias e empresas das Neves antes da fin do próximo ano.

Turismo

Por último, José Miñones subliñou que As Neves está incluída no Plan de Sostibilidade Turística Condado-Paradanta, que financia o Ministerio de Industria con 1 millón de euros do Plan de Recuperación.

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email