-As obras están sufragadas nun 70% pola Deputación de Pontevedra e nun 30% con fondos própios do Concello das Neves
O Concello das Neves vén de iniciar as obras de mellora e acondionamento das rotonda do Conde. Os traballos forman parte do Plan de Mellora da Mobilidade emprendido polo Goberno municipal e que, ata hoxe, abranguen os cambios xa rematados na senda do Ravelo, a Praza do Cruceiro, a Praza de San Agustín, a rúa Rosalía de Castro, a inminente renovación da rúa Eira da Liñaza e os traballos na estrada EP-4006, na zona do IES Pazo da Merce.
Dar prioridade á seguridade
As obras, sufragadas nun 70% pola Deputación de Pontevedra e nun 30% polo Concello, están encamiñadas a modernizar a funcionalidade da vía e, principalmente, a incrementar a seguridade tanto para o tráfico rodado como peonil.
A solución proxectada busca darlle prioridade aos peóns, incrementando o espazo ocupado polas beirarrúas, e extremar a seguridade viaria mediante unha reordenación dos accesos á rotonda e ó apartadoiro do autobús.
Previamente ó inicio das obras é preciso proceder á demolición dos pavimentos existentes, o fresado da calzada a conservar, así coma á retirada de sinais e luminarias, demolición da marquesiña existente, adaptación de pozos de rexistro e arquetas á cota da nova rasante.
A rotonda proxectada contará cun diámetro interior de 6 metros, dous carrís de 4 metros cada un e unha beiravía exterior máis ancha.
Nos vaos peonís disporase un pavimento táctil indicador direccional e de botóns mediante lousa hidráulica e para o acondicionamento das zonas verdes, rotonda e illotes disporase unha capa de terra vexetal e a plantación de céspede.
Recollida de pluviais
O proxecto tamén contempla a reposición dos servizos de recollida de augas pluviais e alumeado público. No primeiro caso procederase á reposición dos sumidoiros e á posta á cota da nova rasante das arquetas existentes.
Alumeado
No referente ó alumeado público renovaranse os puntos de luz existentes e dispoñeranse dúas novas luminarias na contorna da nova marquesiña. Empregaranse luminarias LED nas beirarrúas e 4 proxectores LED na rotonda. Ademais, empregarase un alumeado ornamental no interior da rotonda composto por 3 luminarias orientables empotradas no terreo. Por último, ao longo das beirarrúas distribuiranse 9 árbores co correspondente alcorque e 4 bancos de pedra granítica.