Concello das Neves

O Concello segue adiante co seu proxecto de mellora de infravivendas e actuará en 7 casas de cinco parroquias

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

-Mellorará as condicións de vida de veciñas e veciños de San Xosé de Ribarteme, Tortoreos, Estación, Santiago de Ribarteme, San Pedro de Batalláns, Setados e Vide

O Concello das Neves segue adiante coa rehabilitación de vivendas e xa ten en marcha as obras en dúas casas máis, unha na parroquia de San Xosé de Ribarteme e outra en Tortoreos.

Este proxecto, que neste 2022 abranguera un total de 7 casas-nas devanditas parroquias e tamén nas de As Neves (Estación), Santiago de Ribarteme, San Pedro de Batalláns, Setados e Vide,será posible logo de obter unha subvención do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, dentro  do ‘Programa de Infravivenda do Plan RehaVita’: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora e acceso á vivenda, para este ano.

Recuperación

O proxecto para a recuperación de vivendas nas Neves, impulsado pola Concellería de Servizos Sociais, permite recuperar casas que non reúnen as condiciones mínimas de habitabilidade cando os seus propietarios carecen de recursos económicos para reformalas.

Grazas ao mesmo, dende 2019 melloránse 12 vivendas, ás que hai que sumar as 7 previstas para este ano, que contarán cun orzamento de 105.000 euros, dos cales o Instituto Galego de Vivenda e Solo achega o 95% do total -99.750 – e o Concello das Neves o 5% restante -5.250 euros-.

Prioridade ao arranxo de paredes, tellados, baños e cociñas

O custo de cada obra achégase ao máximo permitido, 15.000 euros, destinados, na maioría dos casos, para evitar a entrada de auga e humidades nas vivendas, co arranxo de tellados e paredes e tamén completar melloras en cociñas e baños.

Pilar González Casas, concelleira de Servizos Sociais, apunta que este programa de rehabilitación continuará ao longo de 2023. «Estamos xa traballando no mesmo e a intención é poder atender a un número maior de veciñas e veciños». Neste sentido, a concelleira subliña a importancia desta iniciativa e o feito de que o Concello das Neves é o que máis atende e actúa neste eido para mellorar as condicións de vida das persoas.

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email