O alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, o primeiro tenente de alcalde, Marcelino Couto, o segundo tenente de alcalde, Óscar González e as concelleiras Pilar González e Rocío Barreiro, xunto coa alcaldesa de alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, visitaron este mércores a Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves.
Alí coñeceron sobre o terreo o proxecto de conexión por tren da PLISAN coa terminal de Guixar, no Porto de Vigo e a construción dun apartadoiro nunha parcela de 316.218 metros cadrados, que abranguerá un centro intermodal de mercadorías, conectado coa rede ferroviaria de interese xeral.
Dous anos de obras
A estimación é que as obras, que poderían comezar en xullo, duren, aproximadamente 22 meses, incluíndo un acceso viario de 650 metros de longo dende a autovía, deseñado con dous carrís en cada sentido, podendo chegar a un terceiro se a actividade o require. Ademais, tamén acometerán a urbanización de 100.000 m2 de ‘praias de carga’ e almacenamento.
Este apartadoiro ferroviario ten coma obxectivo principal favorecer a instalación de empresas na zona, impulsar as compras de parcelas e, especialmente, a chegada de novos negocios.
Unha «boa noticia» que ten que completarse co uso por parte de viaxeiros
O alcalde asegura que, «aínda que é una inversión moi demorada, dende o Goberno local cremos que é unha boa noticia, logo de anos demandando esta actuación que consideramos de grande importancia para PLISAN». Xosé Manuel Rodríguez agarda que este equipamento, que segundo os prazos que manexan os técnicos podería estar rematado a finais do ano 2025, se complete co uso por parte de viaxeiros, «dando cumprimento a o obxectivo 2030 de mobilidade sostible«. Así, o alcalde subliña que, «con independencia de que esta obra se execute, é preciso elaborar un plan para facer posible que as persoas poidamos usar o tren dende a futura estación da PLISAN«.