O Goberno local das Neves presentará ao Pleno da Corporación, este vindeiro xoves, día 30 de decembro (19:00h.) para a súa aprobación, o Orzamento do Concello para o ano 2022.
Como sucedera coas contas deste ano, a proposta reflicte a cohesión do Goberno, plasmada na elaboración en prazo do Orzamento, e con pleno acordo, tanto na identificación das necesidades do Concello e en como abordalas.
As contas seguen avanzando no camiño, trazado dende o comezo do mandato, de eficiencia na xestión dos recursos, tanto no capítulo de Ingresos coma na área de Gasto.
Así mesmo, cumpre coas magnitudes orzamentarias, tanto de aforro neto como de estabilidade orzamentaria, así como a relativa á débeda viva, á carga financeira e ao teito de gasto.
Do mesmo xeito, incide en actuacións de protección e promoción social, aposta pola redacción de proxectos a presentar en convocatorias de axudas que permiten ao Concello realizar actuacións que, de non ser así, non poderían executarse, e contempla a realización de novas iniciativas e a finalización doutras impulsadas nos últimos meses.