O pasado venres presentouse o libro-USB ‘Meniños Cantores 2′ que promove a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! Coa asistencia do alumnado da Escola Infantil de Taboexa, xunto coa profesora Karina Mouriño, a portadora Marina Moldes, o membro do grupo A Roda Alfredo, e as concelleiras de Cultura e Ensino, Rocío Barreiro e Mª Pilar González Casas xunto con Xerardo Feijoo en representación de Ponte…nas ondas! E boa parte das familias e amigas e amigos desta escola.
17 escolas de Portugal e Galiza
No acto, proxectouse o trailer do proxecto, no que participan 17 escolas de Portugal e Galiza ao longo de toda a fronteira. A escola de Taboexa é a única de ensino infantil que participa representando ao concello de As Neves.
Xerardo Feijoo agradeceu á profesora que preparou ao alumnado e tamén a colaboración dos padriños musicais, o grupo A Roda, así como a participación de Xaquín Xesteira na percusión; Rodrigo Romaní na arpa e Segundo Grandío nas guitarras e contrabaixo.
Na TVG este Nadal
O representante de Ponte…nas ondas! agradeceu aos asistentes a participación no Meninos Cantores 2 e anunciou que a TVG vai emitir no Nadal os 4 capítulos do documentario que están incluídos no libro-USB.
O alumnado participante no proxecto asistiu con expectación á proxección do videoclip do tema musical “O gato”, un tema tradicional da Roda que foi enriquecido para o proxecto. Ao final do acto foron obsequiados cun exemplar do libro-USB Meninos Cantores 2.