O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Condado Paradanta inicia este mércores un ciclo de sesións informativas nos diferentes concellos do territorio, para convidar a asociacións culturais, veciñais e sociais, a colaborar de maneira conxunta no desenvolvemento comarcal.
Será Xosé Manuel Rodríguez Méndez, alcalde das Neves e vicepresidente do GDR Condado Paradanta, quen dea comezo a estas sesións, este mércores, día 22 de xuño, ás 21:00h. na Casa da Xuventude das Neves.
O obxectivo principal destes encontros é poder contar coa colaboración dos diferentes actores socioeconómicos do territorio e os destinatarios das mesmas son os membros de entidades públicas e privadas que poidan encadrarse nalgunha das seguintes mesas
sectoriais: asociacións de mulleres, asociacións de mozos, asociacións de acción social; asociacións cuxo obxecto social garde relación coa protección, conservación e/ou mellora do medio ambiente; asociacións do sector agrario, asociacións de empresarios e agrupacións de profesionais; asociacións do sector cultural, educativo ou etnográfico e o sector público.
Reunións
Desde o 22 de xuño ao 6 de xullo o GDR percorrerá os 10 concellos que forman parte do territorio para dar a coñecer o traballo da entidade e informar sobre as posibilidades de participación dos diferentes actores sociais. Así, Pablo Castillo, presidente do GDR, achegarase aos concellos da Paradanta e o alcalde das Neves aos do Condado-Mondariz, Mondariz Balneario, Salvaterra e Ponteareas, ademáis das Neves.
Grupo de Desenvolvemento Rural
O GDR Condado Paradanta constituíse en 2008 para integrar e representar axentes territoriais, institucionais, sociais e económicos interesados en promover o desenvolvemento da zona.
Xestiona proxectos comarcais e Fondos Europeos, a través do Programa Leader Galicia mediante un convenio de colaboración coa Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, orientados ao desenvolvemento socioeconómico do territorio de actuación.