Este venres, dentro do Programa da XXIX Feira do Requeixo e do Mel, estase a celebran na Casa da Auga de Vide a Xornada Técnica impartida pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria, ‘O requeixo como produto galego de artesanía alimentaria’.
A mesma, que foi inaugurada polo alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, aborda o requeixo como produto amparado polo Decreto 174/2019, do 19 de decembro, polo que se regula a artesanía alimentaria, así como a norma técnica elaborada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, en colaboración co sector, para este produto. Para expoñer esta cuestión participan como relatores dous técnicos do departamento de Protección da Calidade Diferenciada desta axencia.
Ademais, neste evento tamén se presentarán os traballos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria para a caracterización organoléptica e sensorial do requeixo galego, a partir de mostras de distintas zonas. A continuación haberá un debate con produtores galegos desta especialidade, que darán a coñecer as distintas formas de facer vinculadas á tradición. A xornada pecharase cunha cata comentada dirixida por técnicos especializados, para avaliar e debater sobre as características organolépticas das mostras de diferentes tipos de requeixo analizadas.
Este sábado, bádminton
As actividades da Feira do Requeixo e do Mel continúan este sábado, día 9, coa IV TTR As Neves Vila do Requeixo e Mel, o campionato de bádminton nas categorías Absoluta e Sub-11, ás 10:00h. no Pavillón Municipal.
E o domingo, ‘Andaina do Requeixo’
con saída ás 09:30h. dende a Praza do Concello e ás 10:30h. dende a casa do forestal de San Xosé de Ribarteme. Finalización , con degustación de requeixo. Haberá autobús de volta.