Concello das Neves

As Neves contará cun servizo de inspección dos residuos de empresas e negocios, logo do convenio asinado coa Deputación de Pontevedra

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

O alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, asinou xunto con outros 12 alcaldes e alcaldesas, un convenio coa Deputación de Pontevedra, para a posta en marcha do Servizo de Inspección de Residuos de empresas e negocios. Deste xeito,  As Neves, contará con persoal funcionario provincial e subvencións económicas da Deputación para realizar o traballo de control do lixo, unha obriga para as administracións locais dende a aprobación da nova lei estatal de residuos o pasado mes de xuño.

11 funcionarios

O corpo de persoal inspector provincial estará formado por 11 funcionarios provinciais, que serán os encargados de identificar posibles incumprimentos e riscos ambientais asociados á actividade de negocios e empresas, mais en ningún caso en domicilios particulares.

Deberán realizar exames e controis periódicos, incluso realizando gravacións de imaxes, para levantar actas que poderán dar lugar a expedientes sancionadores.

Dende principios de 2023

A intención é que o corpo provincial de inspección comece a traballar entre os meses de febreiro e marzo de 2023, realizando labores informativas, no inicio, explicando a obriga de  separar en orixe as diferentes fraccións de residuos –nomeadamente a parte orgánica- e de responsabilizarse do seu tratamento.

Posteriormente o corpo de inspección funcionará “con toda a súa eficiencia”, podendo tamén dispoñer sancións no caso de incumprimentos.  Segundo subliñou o  vicepresidente da Deputación César Mosquera,  “non se pretende estar detrás de todo o mundo para sancionar”, senón que o principal traballo será convencer da necesidade da reciclaxe, un traballo que, segundo asume, “será lento pero sistemático”.

A presidenta, Carmela Silva, aplaudiu aos gobernos locais por sumarse “a tantos proxectos de transformación do territorio cun compromiso con outro modelo de provincia que nos está a referenciar”, como xa ocorreu co Revitaliza, o modelo de mobilidade e as apostas pola cultura e a igualdade.

 

 

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email