Concello das Neves

O Auditorio Municipal xa leva o nome do nevense ‘José Gil’, pai do cinema de Galicia

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

O Auditorio Municipal chámase xa ‘José Gil’. O último Pleno do Concello aprobou a proposta do Goberno local de que a principal sala de conferencias, concertos, actuacións, reunións, espectáculos e actos das Neves leve o nome dun dos nevenses máis sobranceiros.

A proposición do Goberno contou cos votos a favor dos 4 concelleiros do Bloque Nacionalista Galego e os 2 do Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE, a abstención do edil non adscrito e o voto en contra dos catro edís do Partido Popular.

Acto institucional

O acto de cambio de nome levouse a cabo este sábado 1 de abril, coa presenza de numerosos veciñas e veciños, e o Goberno municipal na súa totalidade, encabezado polo alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, e o primeiro tenente de alcalde, Marcelino Couto, coa asistencia de Manuel González,  deputado provincial de Xuventude e Turismo, o director de cine Ignacio Vilar, o autor da biografía de José Gil, Manolo González ou Pily Reñones, tres veces candidata ao Premio Goya de Fotografía, e foi amenizada pola Banda de Música Popular de Rubiós, a parroquia onde naceu Jose Gil a finais do século XIX.

Durante o acto, o alcalde gabou a figura de Gil ao que definiu como un dos persoeiros fundamentais da historia das Neves, exemplo de tesón, de inquedanza, de traballo por perseguir e facer realidade un soño, e de vangarda, o que fixo del o pioneiro do que hoxe é o modo usual de informarnos, acceder ao entretemento, intercambiar ideas, expresarnos, informarnos e comunicarnos. O alcalde lembrou unha anécdota do homenaxeado, relatada por Manolo González, autor da súa biografía, cando comentou a uns cativos que se achegaron cando montaba un dos seus proxectores, «algún día ides poder ver os partidos do Celta sen salir da casa».

Nesta mesma liña manifestáronse guionistas, produtores, directores e actores que enviaron mensaxes de agredecemeto pola homenaxe,  como Uxía Blanco quen dixo que coa recuperación de José Gil sitúase ao audiovisual galego a nivel mundial, «sintome orgullosa e agradecida», concluiu.

O pai do cine en Galicia

José Gil (Rubiós, As Neves, 1870-Vigo, 1937)  está considerado como pai do audiovisual galego. Foi o primeiro  produtor do noso país -chegando a ter, dende 1910, varias fimas cinematográficas en Vigo; o primeiro realizador ; o primeiro documentalista, con máis de 150 filmes rodados, dos que desgraciadamente só se conservan 7 ; o precursor da publicidade cinematográfica; un dos primeiros proxectistas, cun dos equipos máis avanzados do seu tempo para o visionado de películas, que transportaba nun camión por toda a xeografía galega; o primeiro cineasta da emigración, e un excelente fotógrafo que inovou a técnica do retrato.

A aportación de José Gil é imprescindible para o cinema feito en Galicia, que fala da nosa terra e os nosos espazos, comezando polas Neves. Foi un visionario que tiña un soño e sempre traballou por el adiantándose ao seu tempo e un estandarte do fenómeno do cinema en Europa.

2023: o ‘Ano Gil’

Este 2023, está adicado á súa personalidade, a súa vida e a súa obra por medio do proxecto «José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema», que renderá homenaxe durante todo este ano 2023, ao pai do cinema galego. Esta iniciativa, impulsada pola Deputación de Pontevedra suporá unha lembranza multidisplinar: dende a óptica audiovisual, con proxeccións cinematográficas; literaria, coa presentación da biografía ‘Nos días encantados de agosto’, de Manolo González, editada por Galaxía, é cultural,abranguendo exposicións, concertos, debates, charlas, mesmo sesións vermú, impulsadas ao longo de todo este ano.

O ‘Ano José Gil’, que chegará a 30 concellos da provincia cos que o cineasta tivo relación, comezou o 24 de febreiro nas Neves, moi preto da súa casa de Rubiós, e percorrerá Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas, Mondariz, O Grove, Poio, Baiona, Redondela, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas, Pontecesures, Lalín, Sanxenxo, Pontevedra, Tui, Vigo (en outubro), Covelo, Moaña, Salvaterra, Marín, Vilagarcía, para rematar, no mes de decembro, en Ponteareas.

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email