Concello das Neves

Acto de cambio de nome do Auditorio Municipal, que pasará a chamarse ‘José Gil’

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

O Auditorio Municipal cambiará de nome e pasará a chamarse ‘José Gil’. O último Pleno do Concello aprobou a proposta do Goberno local de que a principal sala de conferencias, concertos, actuacións, reunións, espectáculos e actos das Neves leve o nome dun dos nevenses máis sobranceiros.

A proposición do Goberno contou cos votos a favor dos 4 concelleiros do Bloque Nacionalista Galego e os 2 do Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE, a abstención do concelleiro non adscrito e o voto en contra dos catro edís do Partido Popular.

Acto institucional

O acto de cambio de nome levarase a cabo o sábado 1 de abril, ás 20:00h. e contará coa actuación da Banda de Música Popular de Rubiós

O pai do cine en Galicia

José Gil (Rubiós, As Neves, 1870-Vigo, 1937)  está considerado como pai do audiovisual galego. Foi o primeiro  produtor do noso país -chegando a ter, dende 1910, varias fimas cinematográficas en Vigo; o primeiro realizador ; o primeiro documentalista, con máis de 150 filmes rodados, dos que desgraciadamente só se conservan 7 ; o precursor da publicidade cinematográfica; un dos primeiros proxectistas, cun dos equipos máis avanzados do seu tempo para o visionado de películas, que transportaba nun camión por toda a xeografía galega; o primeiro cineasta da emigración, e un excelente fotógrafo que inovou a técnica do retrato.

A aportación de José Gil  é imprescindible para o cinema feito en Galicia, que fala da nosa terra e os nosos espazos, comezando polas Neves. Foi un visionario que tiña un soño e sempre traballou por el adiantándose ao seu tempo e un estandarte do fenómeno do cinema en Europa.

2023: o ‘Ano Gil’

Este 2023, está adicado á súa personalidade, a súa vida e a súa obra  por medio do proxecto “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema”, que renderá homenaxe durante todo este ano 2023, ao pai do cinema galego. Esta iniciativa, impulsada pola Deputación de Pontevedra suporá unha lembranza multidisplinar: dende a óptica audiovisual, con proxeccións cinematográficas, capitaneadas por Vía Láctea Films, representada polo director Ignacio Vlar; literaria, coa presentación da biografía ‘Nos días encantados de agosto’, de Manolo González, editada por Galaxía, dirixida por Francisco Casto, é cultural,abranguendo exposicións, concertos, debates, charlas, mesmo sesións vermú, impulsadas ao longo de todo este ano.

O ‘Ano José Gil’, que chegará a 30 concellos da provincia cos que o cineasta tivo relación, comezou o 24 de febreiro nas Neves, moi preto da súa casa de Rubiós, e percorrerá Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas, Mondariz, O Grove, Poio, Baiona, Redondela, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas, Pontecesures, Lalín,  Sanxenxo, Pontevedra, Tui, Vigo (en outubro), Covelo, Moaña, Salvaterra, Marín , Vilagarcía, para rematar, no mes de decembro, en Ponteareas.

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email