Concello das Neves

As Neves acolleu a presentación do proxecto “Viña e Froita”, co que o GDR Condado Paradanta aposta por explotar a viticultura e fruticultura

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

A Casa da Xuventude das Neves,  ateigada de asistentes, acolleu este venres a presentación dun proxecto do GDR Condado Paradanta, que explorará a viticultura e a fruticultura como novas alternativas para as terras agrarias, a través do proxecto de cooperación LEADER “Viña e Froita”, que promove o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) e o GDR Mariñas Betanzos.

A iniciativa, que está cofinanciada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) da Xunta de Galicia, fondos Feader e a Administración xeral do Estado, ten carácter bianual (2022 – 2023) e busca favorecer a ordenación do territorio, o aproveitamento das terras agrarias abandonadas e a mitigación dos danos causados por pragas; todo elo enmarcado nos sectores vitivinícola e frutícola dos territorios de actuación dos Grupos de Desenvolvemento Rural promotores.

O rural como medio de vida

Na súa benvida, Xosé Manuel Rodríguez, alcalde das Neves e vicepresidente do GDR Condado Paradanta,
incidiu na necesidade de reverdecer o rural co obxectivo de que este se converta nun medio de vida. É necesaria a reagrarización de Galicia e debemos ter un plan a executar como o de Viño e Froita”.

Segundo o presidente do GDR Condado Paradanta, Pablo Castillo, a entidade está decidida “a apostar polo sector primario no territorio, entre outros motivos polo peso da viticultura na economía da zona. Así mesmo tamén procura abrir novas vías de emprendemento para a veciñanza no eido da fruticultura.”

Pola súa banda, o presidente do GDR Mariñas Betanzos, José Antonio Santiso, destacou o papel das entidades locais e dos profesionais cualificados cos que conta a Comunicade. “Os grupos de desenvolvemento rural supoñen un gran soporte para dinamizar a economía rural e agraria en Galicia, e teñen moito que achegar para que o traballo no rural sexa unha alternativa de calidade de vida.”

Liñas de actuación

O xerente do GDR Condado Paradanta, Paco González, presentou as accións a desenvolver no marco do proxecto “Viño e Froita” que consisten en elaborar un estudo básico das posibilidades de crecemento das explotacións; deseñar e implementar estratexias emerxentes, ambientalmente sostibles para o control de pragas, especialmente para a velutina, paxaros e xabarís; e procurar outras alternativas para as terras agrarias abandonadas a través da identificación de cítricos no Condado Paradanta e da mazá na zona do GDR Mariñas Betanzos.

Segundo o xerente da entidade supramunicipal, “as accións levaranse a cabo ao longo do ano e contarán ademais coa elaboración de guías e xornadas divulgativas entre a veciñanza”.

 

 

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email