Dende o pasado 1 de xuño, o Concello asumiu directamente o Servizo de Limpeza dos edificios e dependencias municipais. A medida aprobouse logo de que o pasado mes de febreiro, o Pleno das Neves dera o seu visto bo á aprobación inicial do estudo de custos sobre a viabilidade da municipalización do mesmo.
Este servizo abrangue, ademáis da limpeza das dependencias dos inmobles municipais, a do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, as escolas unitarias de Rubiós e Taboexa, a Escola infantil e o Centro de día.
Comparación entre xestión pública e privada
A anáise do balance e custos económicos, comparando a xestión privada coa prestación pública do mesmo, permitiu decidir sobre a municipalización, que dende hai máis de dúas décadas prestaba unha empresa concesionaria.
Deste xeito, as 4 traballadoras que están a realizar este labor pasan a depender directamente do Concello; elimínase a intermediación da empresa privada; lévase a cabo unha mellora do servizo e lévase a cabo unha reordenación e mellora das súas condicións laborais.
Aforro de 25.000 euros anuais
Dacordo coas conclusións do estudo de custos realizado, a municipalización da limpeza dos edificios e dependencias dependentes do Concello, suporá un aforro de 25.000€ anuais para as contas municipais.
O Concello municipalizara a principios de ano a recollida de envases plásticos
A principio de xaneiro de 2022 o Concello das Neves asumiu directamente a xestión do servizo de recollida de envases plástico, que ata agora prestaba a empresa privada Urbaser.
Así, comezou a recoller os envases con persoal e medios propios, o cal, entende o Goberno local, redundará nunha maior eficiencia do servizo e, no eido económico, tamén beneficiará ás veciñas e veciños, facilitando a mellora do mesmo, ao quedar o beneficio da empresa privada nas arcas municipais.
Hai que salientar que nos últimos anos a dotación de contedores, a mellora das frecuencias, a concienciación e o Plan Revitaliza triplicaron as toneladas de envases recollidas. En cifras, no ano 2015 foron 15 toneladas, mentres que no 2021 o total achegouse ás 55 toneladas de envases plásticos.