Concello das Neves

O alcalde e o concelleiro de Deporte expoñen á Xunta a necesidade dunha reforma urxente do Pavillón das Neves

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

O alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, xunto co concelleiro de Deportes e segundo tenente de alcalde, Óscar González, e Pablo Méndez, representante do Club de Bádminton das Neves, mantiveron unha xuntanza, en Santiago, co secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa.

Goteiras e humidade

Na mesma expuxéronlle ao secretario xeral a necesidade de acometer obras de consideración no Pavillón Municipal das Neves dentro dunha reforma a fondo desta instalación, que presenta varias carencias. Entre elas sinalaron as constantes goteiras do tellado, que comprometen a disposición das instalacións para a disputa de diferentes competicións e a ‘humidade por capilaridade’, procedente do chan, que afecta ás paredes exteriores.

Non apto para Campionatos de España

Así mesmo, as pistas do pavillón, construído no século pasado, son de cemento, o que impide que o Club Bádminton das Neves poda organizar no mesmo o Campionato de España, o que motivou que tivera que desplazarse a Ponteareas e de Tui.

Neste punto, o representante do club, comentou ao secretario xeral para o Deporte, que o Bádminton das Neves, con xogadores en todas as categorías, integrantes da Selección española, medallistas europeos e deportistas de alto nivel que acoden ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), en Pontevedra, non so adestra no pavillón das Neves, ademais organiza no mesmo torneos de categoría provincial e autonómica, e que precisa dunha pista que se axuste ás esixencias regulamentarias e técnicas. A mesma pista é na que xoga, tamén o Fútbol Sala As Neves.

Placas fotovoltaicas e mellora enerxética

Estas melloras, ás que se sumarían as dos vestiarios, serían precisas para que o Concello puidese realizar a instalación de ‘placas fotovoltaicas’, que permitirían xerar enerxía, no so do mesmo pavillón: tamén para a Escola Infantil e o CEIP Marquesa do Pazo da Mercé.

As placas completarían progresar na mellora enerxética desta instalación deportiva, logo de que en 2018, o Concello investise ao redor de 6.000 euros na substitución e instalación de 24 novos proxectores ou focos de luz led de 141 W -protexidos con proteccións antigolpeos-, que melloraron a calidade da iluminación e conseguiron un importante aforro económico.

 

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email