Concello das Neves

O alcalde invita ao presidente Rueda a que se achegue ás zonas das Neves afectadas polo temporal de xaneiro

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Xosé Manuel Rodríguez, alcalde das Neves, espera que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, atope tempo na durante a súa visita electoral ao noso concello para achegarse a algunha das zonas afectadas polos asolagamentos causados polos temporais do 1 de xaneiro.

O rexedor lembra que 13 alcaldesas e alcaldes dos concellos do sur da provincia de Pontevedra máis afectados polos temporais, incluído o das Neves, enviáronlle unha carta a Rueda que a Xunta de Galicia declare o territorio como Zona de Emerxencia de Protección Civil e estableza medidas de apoio económico para asumir a rehabilitación duns danos que, no caso das Neves superan os 200.000 euros en obras de emerxencia.

Que a Xunta de Galicia asuma a súa responsabilidade

Estes danos afectaron, «moi gravemente» a estradas e camiños, danaron fincas e muros, causaron problemas en plantas de tratamento de augas, afundimentos, desprendementos e corrementos de terras, e «estamos pendentes de que a Xunta asuma a súa competencia e proceda a satisfacer os gastos derivados das consecuencias desas inundacións, gastos que non deberían de recaer, exclusivamente nas veciñas e veciños das Neves».

Nesta liña, o alcalde insiste en que o Goberno galego, «ante esta situación extraordinaria, que debería de estar cuberta como de grave risco de emerxencia civil, debería de habilitar axudas para levar a cabo esas reparacións, como fixo a Deputación de Pontevedra para concellos de menos de 20.000 habitantes, ás que se acollerá As Neves, e a Xunta de Galicia debería de estar, xa de motu propio, por diante de nós, pero como xa no foi así, agardamos que, polo menos, nos atenda».

Accesos á parroquia de Setados 

Xosé Manuel Rodríguez cre que a visita de Alfonso Rueda As Neves, onde non estivo antes como presidente, tamén debería aproveitarse para que, dunha vez, despois de 6 anos nos que se leva insistido dende o Concello ao Departamento de Infraestruturas da Xunta da necesidade de construción dunha rotonda no acceso á parroquia de Setados, «se comprometa co Concello e cos habitantes das Neves para levalo a cabo ante o risco que supón acceder a esta parroquia».

O alcalde subliña que a propia Comunidade de Montes e a parroquia completa de Setados, que está realizando una obra moi importante de modificación dos accesos ás zonas comúns como son a Igrexa ou a Escola, que será un centro de uso do vecindario, «merecen ese esforzo e unha resposta á mesma altura por parte do presidente da Xunta cun bo compromiso para unha boa obra».

Rotonda de entrada nas Neves dende a PO-400 

Por último, Xosé Manuel Rodríguez insiste tamén en algo imprescindible: «que deixemos de ter o acceso á PO-400 pintada no chan». O alcalde subliña  que ese acceso As Neves dende esa estrada «ten que deixar de ser unha pintada no chan, mal organizada, para convertese nunha rotonda que dignifique o acceso á vila e sexa, de verdade, un acceso do século XXI»

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email