O alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, urxiu este mércores á Xunta de Galicia a que acometa xa, sen agardar máis,a reforma da rotonda da parroquia de Setados.
Nun correo electrónico enviado á conselleira de Infraestruturas o alcalde reitera, como xa fixera na entrevista que mantivera con Ethel Vázquez, a principio de agosto, en Santiago, a urxencia desta obra,«pois o número e a gravidade dos accidentes van en aumento, co conseguinte incremento do descontento social polos graves riscos que está implicando».
Xosé Manuel Rodríguez lembra o último accidente que tivo lugar ás 18:30h. deste domingo pasado, día 4, no que un vehículo estrelouse contra a casa que forma esquina, entre o vial autonómico e o local, deixando ferido de gravidade ao ocupante do coche, causando danos á vivenda aínda que «por fortuna» non se produciu ningún atropelo no trazado do accidente.
O alcalde advirte de que este suceso non é illado e que «súmase a múltiples outros que van a acabar por producir algún día un dano irreparable que debemos evitar». Por todo elo, «solicítolle a adopción inmediata de solucións para esta grave situación de falta de seguridade».
Unha demanda urxente
A construción dunha nova rotonda na estrada PO-400, para calmar o tráfico e facilitar o acceso a Setados é unha demanda histórica das veciñas e veciños que reclaman, dende hai unha década, máis seguridade, medidas de redución da velocidade e mellora de regulación da circulación nun punto de alta intensidade de tráfico, procedente tanto das Neves como de Arbo e Salvaterra.
Na reunión do pasado mes de agosto, a conselleira de Infraestruturas informou ao alcalde das Neves que está en marcha o proceso de expropiación dos terreos para a construción desta rotonda.