O Concello das Neves vén de conseguir preto de 260.000 euros da Deputación de Pontevedra para a mellora da mobilidade peonil na estrada EP-4006. Os traballos, financiados integramente pola Deputación, realizaranse nun treito de 480 metros entre a rotonda que comunica a EP-4006 coa EP-4002 e o IES Pazo da Mercé.
No mesmo se dará prioridade ao tráfico peonil coa construción dunha senda de 2,5 metros de ancho e onde tamén se ordenará o tráfico rodado, tal e como recollerá o convenio de colaboración co Concello das Neves, xa aprobado pola institución provincial, e que se asinará nos próximos días.
Dacordo co mesmo, as obras teñen un orzamento de 258.395 euros que serán financiados pola institución provincial de xeito integro, xa que mediante este convenio a Deputación asume o 80% do orzamento mentres que o outro 20% será sufragado polo Concello das Neves a través do Plan Concellos.
Mellora da seguridade viaria
Máis polo miúdo, ademais da execución dunha senda peonil de 2,5 metros de ancho, as obras comprenden o incremento do espazo ocupado polas beirarrúas, a ordenación do tráfico rodado e o calmado da velocidade mediante un novo paso de peóns sobreelevado. Así mesmo, incrementarase o ancho da beirarrúa da marxe esquerda e mellorarase a seguridade viaria mediante unha reordenación dos carrís e das zonas de estacionamento.
A maiores o proxecto contempla a execución dunha nova rede de pluviais, a canalización de alumeado público, a mellora do mobiliario urbano e a plantación de 30 árbores de sombra. As obras comprenden tamén a sinalización completa no tramo de actuación.