O Concello vén de iniciar as obras de reforma da antiga vivenda dos mestres de Cerdeira, de 106 m2, anexa á antiga escola, que na actualidade funciona como centro social da parroquia, logo das melloras feitas recentemente polo Goberno municipal.
Os traballos comprenden un cambio da distribución, renovación dos acabados e das carpinterías, tanto exteriores (que se atopan en mal estado) como interiores, instalacións interiores da vivenda (como armarios empotrados), incluso acometidas ás redes de subministro e reparación das zonas danadas da cuberta.
O 90% da obra está financiada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo
As obras, que contan cun orzamento de 56.117,38 €, financiado no 90% polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), abranguen tamén a renovación do cerramento en carpintería de aluminio, limpeza e rexuntado da fachada.
Placa solar
Do mesmo xeito, se instalará unha placa solar ou termo con bomba para a contribución solar mínima que esixe o Código Técnico de Edificación (CTE-HE), dotarase ó baño de pezas sanitarias e á cociña cun mobiliario básico de mobles altos e baixos, nevera, cociña-forno electricos, campana extractora, fregadeiro e termo.
Como fase previa executaranse a demolición dor tabiques, intervíndose no levantado das instalacións existentes, cociña, pezas sanitarias, alumeado, pavimentos, alicatados e carpintería.