Concello das Neves

O Goberno municipal consegue un novo investimento de 260.000 euros para As Neves

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar o proxecto de execución das obras de mellora da mobilidade peonil na EP-4006. Os traballos teñen un orzamento próximo aos 260.000 euros (258.394,57 €) e afectarán un tramo da vía de 480 metros, nas Neves, concretamente entre os puntos quilométricos 12+080 e 12+560, isto é, entre a rotonda que comunica coa EP-4202 ao IES Pazo da Mercé.

Preciamente, en novembro pasado, remataba a mellora da Rotonda do Conde– situada na intersección da EP-4006 coa EP-4202- que tiña coma obxectivo incrementar a seguridade tanto para o tráfico rodado como peonil.

Mellora da mobilidade e da seguridade

A mesma daba continuación á senda peonil, partindo do núcleo do Rabelo, en Tortoreos, ata a conexión dos centros educativos e o centro das Neves  como parte do ‘Plan de Mellora da Mobilidade’ emprendido polo Goberno municipal e que, ata hoxe, abranguen os cambios xa rematados na devandita senda do Ravelo, a Praza do Cruceiro, a Praza de San Agustín, a rúa Rosalía de Castro, a inminente renovación da rúa Eira da Liñaza e este proxecto, agora aprobado, da estrada EP-4006, na zona do IES Pazo da Merce.

Agora, estas obras permitirán mellorar a funcionalidade e a seguridade da vía para o tráfico rodado e peonil, que será prioritario. Incrementarase o espazo para as persoas con beirarrúas máis amplas na marxe esquerda, ordenarase o tráfico rodado e calmarase a velocidade cun novo paso peonil sobreelevado. As beirarrúas, de ancho variable, executaranse cun pavimento composto por saburra e formigón coloreado. Os vaos peonís disporán dun pavimento táctil indicador direccional e de botóns mediante lousa hidráulica sobre morteiro de cemento. Ademais, plantaranse 30 árbores para dar sombra.

Servizos de augas pluviais e soteramento da conducción do alumeado

O proxecto tamén inclúe outras actuacións como a reposición dos servizos de recollida de augas pluviais e a canalización soterrada do alumeado público na marxe esquerda, isto último co obxectivo de non ter que demolela no caso de que no futuro se decida dotala deste servizo. Ademais, instalarase a sinalización horizontal e vertical e reporanse tanto a varanda como as dúas marquesiñas situadas neste treito. Nas zonas de estacionamento acondicionaranse prazas para vehículos conducidos por persoas con mobilidade reducida.

Estreita colaboración entre a Deputación e o Concello das Neves

Hai que lembrar que a Deputación xa aprobara o pasado outubro o convenio de colaboración do Concello das Neves para o financiamento desta obra, ao 80% pola Deputación e ao 20% polo Concello. Finalmente, será sufragada totalmente con fondos provinciais, xa que para a parte correspondente ás Neves empregaranse fondos do Plan Concellos. Os traballos terán unha duración de seis meses.

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email