Concello das Neves

Os Afectados pola Liña de Alta Tensión (LAT) Fontefría-Fronteira Portuguesa piden unha entrevista coa vicepresidenta do Goberno Teresa Ribera

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Representantes das asociacións Fontefría- Frontera Portuguesa (AALAT Valiñas-Pose) e  Afectados pola Liña de Alta Tensión Interconexión Norte de Portugal (AALAT Rozas-Vide e Baliñas-Poste, de Sela, acompañados polo alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, presentaron este xoves, no Rexistro da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, un escrito solicitando unha reunión con Teresa Ribera, vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, en relación coa recente declaración de impacto ambiental  da liña de moi alta tensión Fonte Fría- Fronteira Portuguesa (LAT).

Paralización do proxecto

O obxecto da reunión sería o de solicitar paralización deste proxecto, en base aos argumentos que exporán e presentar unha alternativa a esta liña á que se opoñen, dende hai case unha décadas, centos de veciños de Arbo, As Neves e tamén das localidades portuguesas de Melgaço e Monçao.

Esta xuntanza cobra aínda máis urxencia logo da publicación, no Boletín Oficial do Estado, por parte do ministerio da Resolución do 8 de abril pola que formula declaración de impacto ambiental do proxecto que supón, de feito, o inicio da execución do mesmo.

Milleiros de alegacións

Nos últimos meses, as iniciativas contra este trazado foron constantes. Ademáis da presentación de 4.500 alegacións, houbo xuntanzas dos alcalde de Arbo e das Neves co director xeral de Calidade e Evaliación Ambiental, Ismael Aznar -quen comprometeuse a unha nova cita logo da declaración de impacto ambiental-; mobilizacións contra o trazado, que os dous concellos rexeitan frontalmente ou iniciativas parlamentarias no Congreso dos Deputados por parte do PP e do BNG.

Impacto nas vidas de centos de persoas

En todas estas ocasións, os alcaldes e representantes veciñais, de asociacións e colectivos de afectados, transmitiron a necesidade de que o Goberno denegue a Red Eléctrica a autorización para a LIE Interconexión Norte de Portugal e que estude alternativas á mesma considerando o gran impacto que tería na calidade de vida de centos de veciños.

Red Eléctrica, curiosamente, propón un trazado que en 2013 consideraba ‘inviable’ para a instalación desta liña de moi alta tensión pola que pasarán 400.000 voltios, dende Fontefría, ‘sobrevoando’ máis de 50 vivendas, atravesando o río Miño ata Portugal.

Esta liña deixaría a centos de persoas baixo a influencia da xeración de campos magnéticos, relacionados por distintas investigacións co desenrolo de procesos canceríxenos, alteración na resposta inmunitaria, fertilidade ou o sistema cardiovascular.

«Hai alternativas»

Xosé Manuel Rodríguez subliña que hai alternativas a este proxecto, sen ter que renunciar á esta conexión eléctrica, entre eles a posibilidade de soterramento, algo que é habitual noutros países e para liñás de moi alta  tensión como esta.

O alcalde das Neves pide ao Goberno que antepoña ás persoas, «colocándoas no centro, sen deixar de garantir os consumos e a conducción da eléctrica», atopando alternativas que garantan estes dous obxectivos, «de iso é do que queremos falar coa ministra».

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email