Vas percorrer un sendeiro de trece muíños situados á beira do río Xuliana, que no seu tramo inicial (entre o seu nacemento e a Poza do Souto), recibe o nome de Regueiro do Pé da Cabeza.
A tipoloxía destes muíños é de cubo ou pozo, que é o habitual nos que se sitúan á beira de cursos de auga de escaso caudal.
Neles, un cubo de sección cilíndrica de considerable altura fai as veces de depósito vertical de almacenamento de auga, de aí que a súa localización coincida con lugares cun importante desnivel do terreo. Cando o cubo estaba cheo, o muiñeiro abría un conduto que se situaba na parte inferior; desa forma a presión da auga puña en funcionamento o rodicio, unha roda metálica horizontal dotada de pas que activaba o mecanismo de rotación.
Os nomes que reciben os muíños responde, ben á súa localización (Muíño do Campiño, do Millaxendo, da Cascalleira…), ben ao nome do seu promotor ou do seu cabezaleiro (Muíño do Pascual, do Coxo, do Ferreiro). O réxime de propiedade destes muíños é de herdeiros, isto é, a súa titularidade é compartida entre varias familias.
A meirande parte destes artefactos de moenda construíronse entre os séculos XV e XVIII, a causa da chegada do millo de América, que estendeu o seu cultivo por toda Galicia, propiciando un notable crecemento da poboación e da súa renda.
Con todo, neles tamén se moían outros cereais como o trigo ou o centeo. En Rubiós, pola importancia do cultivo da vide, incluso existe un muíño dedicado á moenda de xofre, que se utilizaba para obter o sulfato que logo se aplicaba á viña para combater pragas e enfermidades.
Camiña ao teu xeito xa que, como di o refrán, “cada muíño quere a súa auga”. Pero, sobre todo, coida e goza intensamente da paisaxe, da natureza e do patrimonio cultural deste recuncho das Neves que, na Idade Media, recibiu o nome de Rubiolos e hoxe abilla con orgullo un dos mellores viños de Galicia.