Concello das Neves

Declaración Institucional con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos sen ningunha distinción. Os dereitos LGTBI son e serán sempre dereitos humanos, e debemos traballar por un mundo de absoluta tolerancia, liberdade e igualdade.

Este martes, 28 de xuño celébrase o Día Internacional das Lesbianas, Gais, Bisexuais, Transexuais e Intersexuais; unha xornada que nos lembra a importancia de seguir construíndo sociedades máis tolerantes que convivan na diversidade e que fomenten o cumprimento dos dereitos vulnerados das persoas LGTBI.

É un día para seguir mobilizándose por unha sociedade diversa e respectuosa coa diversidade de xénero, capaz de erradicar o odio e a discriminación; para seguir afondando na democracia e os seus dereitos.

Debemos traballar pois, de xeito constante e en todos os ámbitos para construír sociedades libres e iguais.
Dende as Institucións debemos velar pola igualdade efectiva de todas as persoas LGTBI e das súas familias, como elemento esencial dunha boa convivencia para o progreso e o desenvolvemento social.

É a nosa obriga deter o discurso do odio que se escoita máis dende un tempo a esta parte, actuando como muro de concienciación da sociedade para que todas as persoas, independentemente da súa identidade ou orientación sexual, poidan exercer, sen medo e con
respecto, todos os poderes e dereitos que lles corresponden como cidadáns con plenos dereitos.

Os Concellos somos a institucións máis próxima á cidadanía e garante dunha clara acción local para a igualdade e a defensa da convivencia, independentemente da raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia social.

Por todo isto dende o Concello das Neves:
• Adherímonos á Declaración e defensa do dereito á plena igualdade, á dignidade e ao libre desenvolvemento da identidade sexual e/ou de xénero asinada pola FEMP.
• Mostramos o noso compromiso de seguir promovendo actitudes e políticas que favorezan a concienciación social para un cambio efectivo de mentalidade que erradique as actitudes LGTBIfóbicas e o rexeitamento das mesmas.
• Cremos que é necesario forxar e acadar un amplo consenso para que se adopten as medidas lexislativas, necesarias para prohibir e eliminar os tratos discriminatorios por razón de orientación sexual ou identidade de xénero en calquera.
• Manifestamos a nosa especial preocupación polos múltiples casos que evidencian, aínda hoxe, a criminalización nalgúns países da homosexualidade e a transexualidade, a privación de dereitos e a discriminación legal, así como a impunidade destes delitos.
• Apoiamos nas súas demandas e mobilizacións ás organizacións que traballan na loita pola defensa dos dereitos LGTBI.
• Por último, demandamos a complicidade de toda a sociedade para traballar tamén neste camiño, con accións dende o día a día, que favorezan a convivencia en liberdade de todas as persoas; así como a erradicación das actitudes LGTBIfóbicas.

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email