Concello das Neves

Máis de 50 alumnos do IES Pazo da Mercé plantarán, este luns, 200 árbores autóctonas contra a crise climática

Con motivo do ‘Día da Árbore’, este ñuns 21 de Marzo os rapaces de cuarto da ESO e primeiro de Bacharelato do IES Pazo da Mercé levarán a cabo unha plantación de 200 árbores autóctonas nun terreo cedido pola Comunidade de Montes de Taboexa. ‘As Neves verde autóctono’ Esta actividade enmárcase dentro dun proxecto chamado … Leer más

ADEGAS VIÑA NORA

Situada nunha terraza natural sobre o río Miño, no barrio de Bruñeiras (As Neves), dentro da comarca vitícola do Condado do Tea e fronteiriza con Portugal. A propiedade de Viña Nora está formada por 14 hectáreas de viñedos. A adega tutela ademais a produción dun centenar de pequenos colleiteiros, repartidos entre o Condado do Tea e outras comarcas como Val do Salnés e Ribeira do Ulla.

Tódolos anos, un dos seus principais retos é elaborar Nora da Neve, un viño seleccionado en cuxa composición interveñen os mellores acios de Albariño e que fermenta integramente en barricas de carballo francés, rendendo homenaxe á tradición dos antigos brancos desta terra, que permanecían conservados en vellos envases de carballo ata a comercialización no seu segundo ano de vida.

Adega elaboradora de viño branco baixo a Denominación de Orixe Rías Baixas. Ademais de degustar os seus exquisitos e premiados viños, é posible realizar visitas ás súas instalacións xa que está dentro da Ruta do Viño Rías Baixas. As marcas coas que comercializa os seus viños son: Val de Nora, Nora e Nora da Neve.

LAGOA DE MEDÁNS

Situada na parroquia de Setados, é un recuncho para sentarse, respirar e tomar folgos ao carón do Camiño dos Pescadores. A confluencia do río Termes co Miño creou un ecosistema de gran valor ecolóxico, incluído dentro da Rede Natura 2000, no que habita unha especie de tartarugas pouco común, o sapoconcho riscado ou sapoconcho leproso. Esta é unha tartaruga de auga doce, autóctona da Península Ibérica e moi escasa na nosa comunidade. A súa conservación enfróntase a graves problemas pola degradación dos hábitats, da súa captura como mascota e da competencia polo alimento con outras especies introducidas polo ser humano. Esta tartaruga é unha especie carnívora que se alimenta basicamente doutros animais como tritóns, ras, caracois, vermes e pequenos peixes. Ademais, existen diferentes lendas asociadas a este lugar…

Non habendo campás na igrexa de Setados, os veciños da parroquia reuníronse e foron a roubar unhas a Portugal pero cando volvían, os bois que as transportaban asustáronse e guindaron as campás ao fondo da lagoa, onde aínda resoan cada 24 de xuño, delatando a quen as roubou”

ÁREA RECREATIVA DE POUSADOIRO

Área recreativa emprazada na ladeira do monte de San Nomedio, no lugar de O Pousadouro, nun entorno natural e rural. A vexetación que se pode atopar está constituída por castiñeiros, con sotobosque de variadas especies.

É unha área de recente construción e constitúe un lugar de parada e repouso no Camiño dos Frades, así como un emprazamento habitual de descanso para aqueles que practican, por exemplo, sendeirismo ou os que participan na romaría de San Nomedio.

PRAIA FLUVIAL SANTA MARIÑA

A praia fluvial de Santa Mariña está emprazada nunha zona natural, que destaca especialmente polo seu entorno, bosque autóctono nas inmediacións do río Miño. É ideal para gozar en compañía de familia e amigos, á beira da Área Recreativa de Santa Mariña, nas parroquias de Liñares e Tortoreos.

PRAIA FLUVIAL PORTOMAIOR

Na beira do río Miño, na parroquia de As Neves, localízase a praia fluvial de Portomaior. Está situada nun magnífico entorno natural, con especies arbóreas. Polo seu carón transcorre o Camiño dos Pescadores. Conta cunha área habilitada con mesas, bancos e unha fonte, perfecta para facer pícnic en boa compañía.

Para chegar ata ela debemos tomar a estrada que baixa ata a estación FF.CC de As Neves e antes de chegar a esta coller un desvío a man dereita que nos conducirá ata ela.

PRAIA FLUVIAL DA CEÑA

PRAIA FLUVIAL GULÁNS

CHAN DA BESADA

Nun lugar onde os cotos teñen nome de animal, reúnese o gando do monte sen que ninguén saiba o motivo. Situado na parroquia máis alta do concello, Cerdeira, recibe este nome do apelativo “besada”, que é un tipo de arado co que se asucaba o monte.

Os animais xúntanse onde se forma unha lagoa vida a menos, que segundo a tradición oral mesmo puido ser un glaciar.

Dende a ermida parte o coñecido como Camiño dos Pescadores, unha senda duns 3,5 km que conduciranos polas beiras do Miño ata a praia fluvial de Guláns, percorrendo elementos etnográficos como as pesqueiras e outras construcións relacionadas co contrabando dos últimos séculos con Portugal e a Raia.

FERVENZA E MUÍÑO DA CEÑA

Moi cerca dos límites do concello das Neves e Salvaterra desemboca o Río Xuliana no Río Miño e faino en forma de cascada. Este río nace no monte Feresvello, ten un largo de 5 quilómetros. Pasa por Rubiós, Tortoreos e Liñares, onde desemboca en forma de cascada duns 5 metros de altura, moi preto da Área Recreativa de Santa Mariña.

Fervenza duns 5 metros, que resulta da desembocadura do río Xuliana no río Miño. Uns metros antes existe un muíño abandonado que hai anos quizais daría o nome de A Ceña. Unha “aceña” é un muíño que se diferencia do resto pola posición vertical da súa roda. Ademais, xunto a fervenza, existe un areal que no verán se converte en praia fluvial.

SEÑORÍO DE RUBIÓS

Situada na parroquia de Rubiós, é unha adega diferente dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas, xa que elabora viños brancos, pero tamén aposta pola elaboración con variedades tintas autóctonas.

Que a adega se encontre situada na Subzona do Condado do Tea marca fortemente a súa filosofía, por iso, o seu principal obxectivo é recuperar e manter o legado vitivinícola existente dende sempre nesta zona.

Os seus viños elabóranse con uvas autóctonas de máis de trescentos pequenos viticultores, xa que estas variedades son as que mellor se adaptan as terras que van dende a ladeira de San Nomedio ata o río Miño, terras fértiles e moi minerais, que orograficamente se dividen en parcelas moi pequenas, onde gran parte do traballo se fai de forma manual, aportando as viñas un trato cercano e menos intensivo. Destacan viños brancos, tintos, licores, augardente e viños espumosos tanto brancos como tintos. Comercializan baixo etiquetas como: Señorío de Rubiós, Nande, Manuel d’Amaro, etc.

Ofrecen visitas á adega xa que esta adega está incluída na Ruta do Viño Rías Baixas. Faise un percorrido polas instalacións e viñedos transmitindo como unha uva “pedral” ou “treixadura” chega a unha copa en unha cata ou degustación final.

PESQUEIRAS SOBRE O MIÑO

As pesqueiras son unha serie de construcións que serven para capturar peixes de río, como lampreas, anguías, troitas e salmóns e están sitas entre correntes e remuíños. Atopámolas no ríos máis importantes de Galicia (o Miño, o Ulla ou o Tambre). Este tipo de estruturas para a pesca fluvial son, quizais, dos máis enxeñosos e antigos que se conservan na nosa xeografía. Realizadas en cachotería de granito e sen ningún tipo de argamasa semellan grandes murallas de pedra sobre o río, divididas en dous, tres ou catro “poios” que conforman estreitos caneiros por onde discorre a auga e onde se colocan os “buitiróns”. Estas son grandes redes de pesca, de forma cónica, onde as capturas entran pero non son capaces de saír.

As pesqueiras alcanzan os cinco metros de lonxitude, os dous metros de ancho e os seis metros de altura constituíndose como verdadeiros farallóns de pedra sobre o Pai Miño. Elementos que se confunden coas paredes verticais que neste punto do río, se aproximan para acubillar o rápido discorrer das augas e no que os límites do construído polo home e a forza da natureza esvaécense nun marco de incomparable beleza.

Dende antigo, este tipo de construcións utilízanse principalmente para a captura da raíña dos nosos ríos, a lamprea. De feito, xa aparece relatado no “Índice de la renta del Monasterio de A Franqueira y de los títulos y foros que para cobrarla hay en su archivo” o pago de foros en lampreas xa no século XVII, a este mosteiro por parte do Conde de Salvaterra, propietario de moitas destas construcións.

Estes bens son de propiedade particular e pasan de xeración e xeración, polo que aínda hoxe en día, existen familias nas Neves que fan uso delas. Numeradas correlativamente, neste tramo do río poderás ver máis de 50 pescos ou pesqueiras.

No lugar de Prado (parroquia de Vide) e no Camiño dos Pescadores pasearás entre estas construcións, palpar parte do noso acervo cultural e admirar as magníficas vistas sobre o Miño que o municipio de As Neves nos ofrece.

PONTE DAS PUNTALEIRAS

Construción incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia co código GA36034049. Situada tamén sobre o río Termes á altura de Mirenciños, na parroquia de Vide, pola que pasa o Camiño dos Frades. Pese a que algunhas referencias databan a esta ponte como unha construción da época romana, probablemente sexa produto da Alta Idade Media. A ponte consta dun só arco apuntado duns 5 metros de altura e 7,5 metros de ancho. Na parte interior deste arco existen diversas marcas de canteiro. A lonxitude total da ponte ronda os 20 metros, e a anchura os 3,30 metros.

FURNAS DA RIBADEIRA

No ano 1994 o lugar foi rehabilitado, dotándose a zona con mesas, barbacoas e todo o necesario neste tipo de áreas recreativas, que no verán convértese nun lugar ideal para pasar o día e así tamén gozar da praia fluvial e refrescarse ás beiras do Miño. Para chegar a Santa Mariña debemos acceder dende Liñares e cruzar a estrada As Neves-Salvaterra mediante un viaduto. Se accede á área baixo a antiga ponte (s. XIX) do tren de Santa Mariña.

Dende a ermida parte o coñecido como Camiño dos Pescadores, unha senda duns 3,5 km que conduciranos polas beiras do Miño ata a praia fluvial de Guláns, percorrendo elementos etnográficos como as pesqueiras e outras construcións relacionadas co contrabando dos últimos séculos con Portugal e a Raia.

RUTA DA LAMPREA

Ruta proposta sobre tres río galegos como son o Tambre, Ulla e Miño. Neste caso, no itinerario relacionado co río Miño, centrarémonos na exposición do traxecto ao seu paso polo concello das Neves.

Con inicio na Casa da Auga en Vide e fin na Área Recreativa de Santa Mariña, Liñares. Este percorrido nun principio está pensado para ser desenrolado en coche, pese a que ten unha extensión de 8 quilómetros, polo que podería ser realizado a pé. Ruta que vai pararela ao canle do río Miño, ofrecendo a oportunidade de visitar as típicas pesqueiras empregadas para a captura da lamprea. Son dúas as incluídas nesta ruta, denominadas Peneliña e Varandoiro.

Unha vez chegados á Área de Santa Mariña, atoparemos alí un lugar perfecto para gozar de natureza e tranquilidade. É neste punto tamén onde se sitúa o comezo do Camiño dos Pescadores, polo que pode ser unha boa oportunidade para realizar esta pequena ruta de sendeirismo.

CAMIÑO DAS FONTES

Ruta que se celebra especialmente a finais de xullo, comezando no Pazo de Tortoreos e seguindo por diversas fontes ata chegar á Área Recreativa de Santa Mariña. Os veciños decoran nesta ocasión as fontes, adornándoas especialmente para os camiñantes, que se van parando en cada unha delas. O percorrido que é ademais amenizado normalmente por un grupo musical, remata cun xantar a prezos populares.

SENDEIRO DOS PESCADORES

Ruta lineal no que se percorre ó longo de máis de 6 km a beira galega do Miño, entre as augas do río e a vía do ferrocarril, que discorren paralelos aproveitando a mesma fractura tectónica. Este pequeno percorrido resulta intenso pola diversidade de formacións vexetais e a singularidade dalgúns dos elementos etnográficos, como é o caso das pesqueiras e dos pescos. O Sendeiro está equipado con escaleiras para salvar as escarpas máis complicadas e bancos para descansar, ademais de miradoiros para gozar das panorámicas. Conta tamén con dúas áreas de descanso e con fontes ó longo do percorrido. Comeza o sendeiro no contorno na Área Recreativa de Santa Mariña, nas parroquias de Tortoreos e Liñares. Percorrendo o sendeiro tamén podemos coñecer as ruínas da Casa da Barca, antigo posto fronteirizo que servía para controlar o estraperlo con Portugal. Remata o sendeiro na Estación de tren de As Neves.

ABADÍA DE TORTOREOS

Esta adega familiar de uva propia está situada na parroquia de Setados, na ribeira do río Miño. Elabora tres viños: Albariño, Albariño Barrica e Condado do Tea.

Froito do traballo, do esforzo e da tradición, os viñedos cóidanse artesanalmente facendo que as cepas seleccionadas produzan uvas de albariño que se mima e xunto coa climatoloxía xera un viño de produción propia, cunha elaboración totalmente artesanal, sen engadidos, fermentos nin outros aditivos. Os seus viños están presentes no mercado español, europeo e americano. A meta desta adega é seguir plantando, elaborando e comercializando os seus viños. Esta adega elabora viños brancos de autor amparados pola Denominación de Orixe Rías Baixas dende o ano 1990, incluídos na subzona do Condado do Tea. Os seus viños recibiron tamén numerosos premios ao longo dos últimos anos.

ÁREA RECREATIVA SANTA MARIÑA

Área recreativa situada nas proximidades do río Miño nas parroquias de Tortoreos e Liñares, na que poderá gozar dun día en familia rodeado de especies arbóreas autóctonas e a benignidade do río Miño. A súa orixe céntrase na ermida de Santa Mariña sita no medio do área e trátase dunha sinxela construción dedicada a Santa Mariña, do século II. A construción existente hoxe en día é unha capela de planta única e rectangular cunha sinxela espadana e cuberta de tella a dúas augas. Poderíase adiviñar un templo do século XVIII, que tendo en conta a remota devoción da santa, levaríanos á conclusión da existencia dunha construción moitísimo máis antiga da cal hoxe non existe á vista. A situación da ermida podería indicar un lugar sagrado e venerado e para elo debemos indicar a presenza moi cerca do coñecido como Castro da Graña, e sobre todo a súa localización ás beiras do Miño, emprazamento utilizado polos nosos antepasados dende hai 400.000 anos.

No ano 1994 o lugar foi rehabilitado, dotándose a zona con mesas, barbacoas e todo o necesario neste tipo de áreas recreativas, que no verán convértese nun lugar ideal para pasar o día e así tamén gozar da praia fluvial e refrescarse ás beiras do Miño. Para chegar a Santa Mariña debemos acceder dende Liñares e cruzar a estrada As Neves-Salvaterra mediante un viaduto. Se accede á área baixo a antiga ponte (s. XIX) do tren de Santa Mariña.

Dende a ermida parte o coñecido como Camiño dos Pescadores, unha senda duns 3,5 km que conduciranos polas beiras do Miño ata a praia fluvial de Guláns, percorrendo elementos etnográficos como as pesqueiras e outras construcións relacionadas co contrabando dos últimos séculos con Portugal e a Raia.