Concello das Neves

As Neves será o concello que acolla en 2023 o proxecto ‘Mulleres Extramuros’

A Deputación de Pontevedra presentou este sábado na Culturgal, o proxecto “Mulleres Extramuros”, de interacción, intervención, creación e convivencia de artistas plásticas no rural, que este ano 2022 se desenvolveu con enorme éxito na parroquia de Cortegada, en Silleda.

As Neves toma a remuda

A presidenta do organismo provincial, Carmela Silva, tamén desvelou en primicia que, tomando a remuda de Cortegada,
será o Concello das Neves e concretamente a parroquia de Rubiós, quen acolla en 2023 a segunda edición de “Mulleres Extramuros”. “As Neves é un concello marabilloso con paraxes extraordinarios, de xente rexa e forte, moi activa, e farémolo no núcleo de Rubiós onde se fai moita cultura”.

Unha grande oportunidade

Xunto á presidenta interveu un feliz alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, que apuntou que trátase dun “enorme pracer, dunha grande oportunidade,  que non só pon a arte ao alcance do territorio rural no que vivimos,  senón que nos dá unha singularidade cara ao exterior, supoñendo un punto de atracción para os nosos e nosas visitantes, de xeito que a xente que é de fóra das Neves mire para aquí”.

Por iso, asegurou, dixemos inmediatamente que si a esta proposta da Deputación, e formulamos e defendemos un programa ambicioso que rebase os límites das Neves”. “Non se me ocorre mellor lugar de Rubiós, rematou, o lugar onde naceu José Gil, un dos precursores do cinema en galego, e onde as mulleres son as que maioritariamente participan”.

Leer más