Capela da Moreira
A ermida de San Sebastián aparece citada por primeira vez no informe da visita pastoral de 1754. No do ano 1780 mándase que "se retoque el crucifijo del altar y su peana, que se quite la madera que ai en medio de la capa, e impide la vista de altar, asegurando el tejado que se retejará con dos crucetas. Que se repare el faiado, y se cierre el Arco de la capa con perpiaño quitando los balaustres, dejando una ventanilla pa hacer oración, y e se compre libro en qe formen las qtas de esta deun qe presentará en las visitas pa su revisión y aprovacn".
En 1818 o mordomo de San Sebastián era Rosa Argüelles, muller de Manuel Antonio Ribas, cirurxián da Moreira, que fixo un arranxo profundo da capela pola súa conta.
A capela cítase como propia da parroquia en 1854, facendo constar que mide “seis metros de longitud y cinco de latitud”, e que nela se celebra misa algunha vez e, anualmente (o 20 de xaneiro, cando sacan en procesión a San Sebastián e Sta Lucía), as funcións do titular.
En 1883 constrúese unha ermida nova, máis espazosa e axeitada, nas proximidades da antiga. Os encargados foron José Eiró e Antonio López. Daquela tamén se recoñecen os beneficios dos que gozará polos "inmensos favores que por mediación del glorioso mártir San Sebastián acaba de experimentar en el corriente año haciendo cesar el contagio". A devoción popular fixo de San Sebastián o protector da peste, posiblemente porque a difusión polo aire desta enfermidade facíaa comparable ás frechas, que son atributo esencial do
mártir. Outra posibilidade é que a peste fose considerada un castigo
divino, como frechas enviadas por Deus, o que recorda ao
deus Apolo.