Reconstrución ideal dunha vila romana rústica
Un legado romano e altomedieval
A influencia romana na viticultura da nosa comarca non só se evidencia na existencia destes lagares, senón tamén na cultura vitícola que perdurou ao longo dos séculos. Tras a caída do Imperio Romano, moitas das técnicas vitivinícolas introducidas polos romanos foron mantidas e adaptadas polas comunidades locais. O abandono de castros como o de Altamira trasladou a elaboración de viño ás villae rusticae ou vilas de campo, unha residencia rural dedicada á produción de produtos agrícolas e gandeiros na que tamén fixaba a súa residencia o propietario (o dominus) xunto coa súa familia e criados. Durante a Idade Media a produción de viño continuou sendo unha actividade esencial na economía rural de Galicia e da comarca do Condado, primeiro nos pequenos conventos rurais altomedievais (Guillade, Albeos, Riofrío, Angoares, etc.) e, máis tarde, nos grandes mosteiros (A Franqueira e Melón), xogando un papel fundamental no cultivo da vide e na mellora das técnicas vitivinícolas.
Detalle do mosaico dos pisadores de uva atopado na Casa del Anfiteatro de Mérida
Conclusións
Os lagares rupestres de pisado son un vínculo directo coa historia da romanización en Galicia e o legado que esta civilización deixou na viticultura local. Estas arcaicas estruturas de vinificación, dispersas pola paisaxe no contorno de castros, vilas romanas e mosteiros altomedievais, revelan unha tradición vinícola que perdurou durante un milenio.
Os lagares do Coto do Mouro de Taboexa evidencian que as raíces da elaboración do viño hai que buscala na Idade do Ferro e na romanización, cando a poboación vivía en castros ou aldeas fortificadas como a da Altamira.
Na actualidade O Condado do Tea é unha subzona da DO Rías Baixas. Ocupa os concellos da ladeira dereita do río Miño: Salvaterra de Miño, Arbo, As Neves, Crecente, Ponteareas, Salceda de Caselas e unha parte de Tui e Mos.