A Coutada II
Que son os petróglifos?
Son gravados rupestres realizados na pedra durante a prehistoria, maiormente durante a Idade do Bronce (entre o III e o II milenio a.C.), e están considerados como a primeira expresión artística do que hoxe é Galicia. Tamén hai gravados de época histórica que se fixeron durante a Idade Media, moitos deles insculturados sobre os mesmos soportes que os motivos prehistóricos.
Os petróglifos presentan unha iconografía e estilos diversos, o que indica que as diferentes comunidades humanas que viviron en Taboexa avo longo do tempo gravaron sobre as rochas ao longo dos séculos para que, no futuro, coñecésemos unha parte da súa vida.
Unha parte dos petróglifos da Coutada está formada por motivos figurativos naturalistas como figuras humanas ou cabalos que foron gravados coa técnica estilística do baleirado do corpo. Aqueles artistas prehistóricos tamén utilizaron liñas simples e duplas para definir o perfil das figuras. Os motivos xeométricos e abstractos foron feitos por medio dunha única liña. En ambos casos, os autores gravaron sobre as rochas por medio da técnica do piqueteado e abrasión, isto é, desgastando a superficie da pedra-soporte utilizando pedras máis duras.
A Coutada II
Por que se fixeron?
Estes gravados son importantes porque nos permiten achegarnos a unha sociedade prehistórica da que aínda descoñecemos moitas cousas: como pensaban, cal era o seu sistema de crenzas, como cazaban, como se organizaban socialmente, etc.
Ignoramos a resposta a unha das preguntas principais que estes gravados nos lanzan: por que estas sociedades do pasado investían na súa realización tanto tempo e esforzo? Os arqueólogos foron quen de formular algunhas hipóteses para dar resposta a estas interrogantes: controlar zonas de paso, apropiarse do territorio, fixar postos de vixilancia do gando, e incluso utilizalos como lugares para a realización de rituais e de observación astronómica.
Outros gravados
Os da Coutada non son os únicos gravados que atopamos en Taboexa. Nesta parroquia son coñecidas outras estacións de arte rupestre prehistórica, como os do Coto Ribado, protagonizado por coviñas, círculos simples e concéntricos e un motivo serpentiforme de máis de 2 metros de longo.
Entre os petróglifos que están pendentes de seren estudados cóntanse varios reticulados situados no contorno do monte de San Nomedio.
Investigadores
Hai que destacar o traballo dos investigadores Xoán Martínez Tamuxe, Alejandro M. Míguez Álvarez ou Xosé Álvarez (Pepe Buraco) que, durante décadas, descubriron e deron a coñecer moitas estacións de arte rupestre na nosa parroquia.