Cruceiro da Capela da Concepción
Ten por alicerce un chanzo rectangular, moi afundido no chan, sobre o que se deitou unha base de figura cúbica que presenta como adobío dúas ánimas en relevo coas mans unidas en oración. A vara aparece coroada por un capitel de lados curvos que amosan cabeciñas de anxo con ás nas partes centrais. Soporta unha cruz rectangular lisa coas arestas rebaixadas. Vemos polo anverso un Cristo baixo INRI, de tres cravos, que mira á fronte. Brazos con pouco ángulo e mans pechadas. Polo reverso hai unha Virxe cuberta por un mantelo e sen apenas trazos. A capela existe, cando menos, desde 1754, polo que o cruceiro ben podería ser dunha data próxima.